Un ‘Mar Emerxente’ que xurde do encontro entre ciencia e arte

Cinco binomios de investigadores e artistas crearon esculturas inspiradas nas ciencias mariñas

Campus do Mar inaugura en Redeiras unha exposición no marco do proxecto ‘Scientists meet Artists’

Ciencia e arte fusiónanse en Mar Emerxente, un proxecto que celebra a beleza e a complexidade dos océanos. Posto en marcha polo Campus do Mar dentro da súa iniciativa Scientists meet Artists, e liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a proposta combina a creatividade de cinco artistas de prestixio internacional co coñecemento de cinco científicos e científicas do CIM-UVigo para crear esculturas inspiradas en diversos ámbitos das ciencias mariñas.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a inauguración da exposición final deste proxecto, realizado coincidindo coa celebración da Década dos Océanos para un desenvolvemento sostible das Nacións Unidas e que que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, FECYT. O público poderá gozar da mostra na sede institucional da UVigo no Berbés ata o vindeiro 15 de setembro. A partir desta data, as institucións interesadas poderán solicitar o préstamo para a súa exhibición temporal.

Como sinalou o director do Campus do Mar, Daniel Rey, esta iniciativa propón “unha viaxe emocionante cunha serie de investigadoras e artistas que demostran como podemos transmitir a fraxilidade dos océano e como a través da ciencia e a arte podemos conseguir un nivel máis alto de sensibilización e entendemento”.

Pola súa banda, Ana Bernabeu, directora da Área de Investigación da Universidade de Vigo, explicou como “ciencia e arte son complementarias á hora de comprender e explicar o mundo. A ciencia permitiunos desentrañar a orixe da natureza e mellorar a calidade de vida humana e a arte ábrenos unha fiestra cara á creatividade e danos unha visión do mundo que transcende as palabras e os datos. Ambas poden fusionarse para establecer novas solucións aos desafíos dos océanos, dialogando, colaborando, derrubando barreiras e abrindo portas a todas as formas de pensar”.

Cinco colaboracións para un proxecto único e innovador

Mar Emerxente nace da colaboración de cinco binomios multidisciplinares formados por Paula Diz e Noemí Palacios, Fran Ramil e Nando Álvarez, Moncho Gesteira e Amancio González, Estefanía Paredes e Lyliya Pobornikova e Elena Ojea e Itahisa Pérez. Persoal científicos e artistas mergulláronse de cheo nun proxecto único e innovador no que investigación e creatividade camiñan da man. Tras visitar ás e aos investigadores para descubrir os seus traballos e intercambiar experiencias e visións, as e os artistas pecháronse nos seus talleres a dar forma a todo o percibido. O resultado son cinco obras que representan unha perfecta simbiose entre os mundos científicos e artístico.

Da unión entre a investigadora Paula Diz, especializada en microfósiles mariños, e a escultora Noemí Palacios xurde Rastros de Silencio, tres pezas en alabastro que abordan as etapas de deterioro dos océanos debido á acidificación e que actúan como declaración visual sobre a importancia de preservar o medio mariño.

Do tándem entre Fran Ramil, especialista en invertebrados bentónicos mariños, e o artista Nando Álvarez nace Fauna, unha escultura de mármore portugués rosa e gris inspirada na fauna submarina cun deseño fluído que evoca corais, anemones e moluscos e formas en punta e curvilíneas que reflicten a complexidade dos ecosistemas profundos. O contraste entre o mármore rosa e as vetas grises achegan dinamismo, mentres que a superficie pulida realza as texturas do mármore.

Tras o encontro con Moncho Gesteira, catedrático de Física Aplicada e responsable do grupo EPhysLab, o artista Amancio González creou Home á deriva, unha estrutura ortoédrica regular sobre a que se desenvolve unha escena en aparente equilibrio. Algúns dos elementos racharon provocando un movemento na parte superior en forma de onda sobre que flota un cubo e un ser humano. A escultura capta o momento desa ruptura previa ao desmoronamento: o equilibrio pronto desaparecerá e o ser humano está en estado de incerteza.

Da colaboración entre a especialista en criobioloxía e bioloxía de equinodermos Estefanía Paredes e a escultora Lyliya Pobornikova emerxe Interior, unha obra que nace da fascinación polas formas orgánicas e sobre como estas resoan coas emocións. A peza é unha invitación á reflexión, á busca do interior e ao contacto co natural.

Finalmente, da unión entre a responsable do grupo Future Oceans Lab Elena Ojea e a artista Itahisa Pérez xurde Último resquicio, unha serie de esculturas que explora a intersección entre a pesca e o cambio climático, destacando a alarmante diminución dos recursos acuáticos. Unhas pezas que transmiten a pegada devastadora da intervención humana e resaltan a urxencia e fraxilidade da situación ambiental, invitando a reflexionar sobre a responsabilidade do ser humano na preservación do ecosistema.

A exposición complétase con guías didácticas de cada unha das esculturas, así como audioguías para mellorar a accesibilidade e dunha reportaxe audiovisual que documenta todo o proceso e a experiencia.

Fuente: DUVI



Web y subwebs financiadas por:

Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X