Alargada representación do Campus do Mar e do CIM na “Atlantic Stakeholder Platform Conference – ASPC 2021” celebrada en Irlanda

Na semana pasada celebrouse en Dublín, Irlanda unha nova edición da conferencia anual  “Atlantic Stakeholder Platform”. Tras a edición virtual do ano pasado, este ano a conferencia transcorreu nun formato mixto, presencial e online.  Neste evento a Universidade Vigo estivo representada por Tania Tato, project manager do proxecto Bluebiolab e Cristina Quelle, coordinadora de I+D+i do CIM-Uvigo. No transcurso das xornadas foron presentados diversos proxectos liderados e participados polo Campus do Mar como Bluebiolab, Sherpa do Mar, financiados a través do programa Interreg-POCTEP, e o proxecto European Blue Biobank que liderou o CIM, e que  foi financiado polo programa Interreg- Atlantic Area.

O centro de Convencións da capital irlandesa foi o espazo que acolleu o acto central da xornada, e onde foron entregados os premios anuais aos proxectos máis destacados no ámbito mariño realizados no espazo atlántico. O Bluebiolab foi un dos proxectos seleccionados pola organización para realizar unha presentación dos resultados acadados. No transcurso da xornada, a xestora do proxecto, Tania Tato, realizou un pitch ante un panel moderado por Catherine Frideres (Atlantic Assistance Mechanism) e do que formaban parte Brian Marrinan (socio xeral, Equipe ABC), Ruben Eiras (secretaria-xeral do Forum Oceano) e Ella Nilakanthi Ford (consultora de xestión global, autora de publicacións e líder empresarial). Durante a súa intervención, Tato explicou os principais obxectivos do proxecto Interreg-POCTEP BLUEBIOLAB, destacando as conquistas do Laboratorio Transfronteirizo até o momento. Após a presentación, respondeu ás cuestións colocadas polos diferentes membros do xurado.

Ao tempo, a delegación da Universidade de Vigo participou no taller Boosting Knowledge and Skills for a Sustainable Blue Economy. Por outra parte, María Huete, project officer do EMBRC-ES, participou, en formato virtual, no workshop Making the Most of Natural and Marine Resources for the Benefit of the Atlantic Regions, onde deu a coñecer os resultados  atinxidos no European Blue Biobank, proxecto do European Marine Biological Resource Centre e que foi liderado polo CIM.

Por último, o proxecto Sherpa do Mar que lidera o grupo Rede e no que participa o Campus do Mar, difundiu información do proxecto a través dun stand virtual facilitado pola organización.

 



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X