23 Feb O proxecto BlueBioLab culmina co Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña convertido en referente transnacional
Tras dous anos e medio, e cunha pandemia entre medias, o Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña é xa unha realidade. A súa creación era o obxectivo central do proxecto BlueBioLab, unha iniciativa eurorrexional liderada polo Campus do Mar da Universidade de Vigo, que este martes celebrou o seu evento de peche nas instalacións do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental-CIIMAR, no porto de Leixões.
Á fronte desta iniciativa está Jose Manuel García, director da Ecimat e investigador do grupo Byciama do Centro de Investigación Mariña. Explica que o laboratorio transfronteirizo de excelencia científica no campo da biotecnoloxía mariña está “en disposición de contribuír a aumentar a capacidade de desenvolver a excelencia no campo do I+D e reforzar e internacionalizar as capacidades innovadoras do territorio, optimizando así mesmo o uso de infraestruturas para investigar e contribuír a lograr os resultados esperados en RIS3, RIS3 T e a estratexia de crecemento azul”. Este organismo transnacional reúne os recursos humanos e materiais de sete institucións de ambos lados da raia: as universidades de Vigo, Santiago e Coruña, o Instituto de Investigacións Mariñas e o Instituto Español de Oceanografía, por parte de Galicia, e o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental e a Universidade de Minho, por parte de Portugal. En total, reúne 26 grupos de investigación e 38 investigadores.
O laboratorio deseñouse con cinco obxectivos prioritarios, que pasan por apoiar a consolidación da biotecnoloxía como ferramenta fundamental para o estudo e valorización dos recursos biolóxicos mariños; facer unha posta en común das infraestruturas existentes integradas no laboratorio; desenvolver actuacións de apoio ao talento e fomento da mobilidade e formación do persoal investigador; crear de redes de coñecemento e traballo conxunto con actores do sistema científico e internacionalizar e integrar as infraestruturas científicas en redes internacionais. As liñas de investigación prioritarias son a acuicultura e a biotecnoloxía, o desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e a utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña.
BlueBioLab desenvolveuse ao abeiro da convocatoria Interreg-Poctep cun orzamento de 1,1 millóns de euros, financiados ao 75% con fondos Feder.
Obxectivo cumpridos
BlueBioLab baixa o pano deixando o Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña en pleno funcionamento. A finalidade era, segundo García, impulsar a capacidade para desenvolver excelencia en materia de investigación, internacionalizar as capacidades de I+D+i e optimizar o uso de infraestruturas de investigación, e estes obxectivos están “amplamente conseguidos”. Explica que nestes meses xa conseguiron “fomentar e consolidar a cooperación científica en materia de biotecnoloxía mariña optimizando o uso das instalacións científicas ou fomentando a mobilidade e a formación entre investigadores de diversos centros de investigación”.
No acto de peche participou tamén, entre outras autoridades, Daniel Rey, director do Campus do Mar, que salientou “o grande éxito de alcanzar o obxectivo orixinal de creación dun laboratorio transfronteirizo de excelencia científica” e felicitou a todos os participantes porque “en plena pandemia mundial solo o seu esforzo, dedicación e determinación fixeron posible establecer os recursos e mecanismos para afianzar, estimular e proxectar internacionalmente estas liñas de investigación estratéxicas tan críticas para o nos territorio e para o sector produtivo mariño”. García Estévez, como IP do proxecto, quixo tamén agradecer “o encomiable traballo desempeñado pola técnica Tania Tato en todo o tempo que estivo vinculada ao proxecto”.
Tres proxectos de investigación
No que se refire aos traballos de investigación, ao abeiro do laboratorio xurdiron unha serie de proxectos colaborativos. Das sete propostas presentadas foron seleccionadas tres, cuxos resultados se presentaron nesta xornada de peche. Por exemplo, Vitor Vasconcelos, director del CIIMAR, deu a coñecer unha liña de investigación centrada na utilización de substancias bioactivas a partir de microalgas e cianobacterias no desenvolvemento de solucións para acuicultura. “Unindo biotecnoloxía con acuicultura procuramos novas solucións para tratamento de doenzas en acuicultura, dunha forma sustentable, empregando moléculas naturais”. Outro dos proxectos, presentado por Tiago Silva, do 3B´s UMINHO, abordou o potencial de estratos de orixe mariña para solucións terapéuticas, como compoñentes de biomateriais para a rexeneración de tecidos e/ou como compostos bioactivos de interese terapéutico. Finalmente, o terceiro proxecto, liderado pola USC, centrouse na utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña. Nel, o persoal investigador centrouse na biodiversidade microbiana e viral do medio mariño, aplicando NGS (secuenciación de nova xeración) á auga, aos sedimentos e a tecidos animais.
No balance presentado no evento de peche, a xestora Alba Lago tamén repasou outras actividades desenvolvidas polo laboratorio. Explicou que, para facilitar o acceso a infraestruturas e equipamento, desenvolveuse un catálogo de usos e recursos, que está dispoñible en liña. En total ofrecéronse máis de 30 servizos e de 120 equipos de última xeración para desenvolver traballos de investigación nas liñas prioritarias do proxecto. Ademais, BlueBioLab tamén permitiu realizar 13 mobilidades entre diferentes centros de investigación e desenvolver 11 cursos de balde en liña, cun total de 108 horas de formación que chegaron a 270 estudantes.
Vía: DUVI