Que é a Década das Ciencias do Océano para o desenvolvemento sostible impulsada polas Nacións Unidas?

O 5 de decembro de 2017, as Nacións Unidas declararon a próxima década como a “Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible”. Esta iniciativa proporcionará un marco común para garantir que as ciencias oceánicas poidan axudar aos países a lograr a “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible”. 

A “Ocean Decade”, denominación oficial desta iniciativa, está deseñada para facilitar a comunicación global e a aprendizaxe mutua entre o mundo da investigación e a sociedade. Fortalecerá a cooperación internacional necesaria para desenvolver as capacidades investigadoras e as tecnoloxías innovadoras que poidan brindar maiores beneficios, tanto para o ecosistema oceánico como para a sociedade. Traballará para satisfacer as necesidades do persoal de investigación, dos responsables da formulación de políticas, da industria, da sociedade civil, mais tamén apoiará  novas asociacións de colaboración que ofrezan unha xestión, baseada na ciencia, máis eficaz dos recursos oceánicos.

O océano é o ecosistema máis grande do noso planeta. Desafortunadamente, a pesar das  melloras na súa xestión e conservación, a “Primeira Avaliación Mundial dos Océanos” realizada polas Nacións Unidas atopou que gran parte do océano está agora seriamente degradado. Nestes momentos existe unha necesidade crecente de achegas científicas que nos permitan comprender os cambios que teñen lugar no noso océano, e reverter a súa saúde en declive.  

Na próxima década, temos unha gran oportunidade de aproveitar os avances interdisciplinarios nas ciencias oceánicas para lograr unha mellor comprensión do sistema oceánico. 

Para chegar a acadar o desenvolvemento sostible, necesítase ciencia de calidade para informar acerca das políticas a implementar e aumentar o coñecemento de tódalas partes interesadas. 

“Ocean Decade” axudará a mobilizar  e aumentar a inversión en áreas prioritarias onde se necesita actuar con urxencia. Un obxectivo central da “Ocean Decade” vai ser tratar de desenvolver a capacidade investigadora en rexións e grupos que actualmente teñen unha capacidade limitada. 

En definitiva, esta iniciativa estimulará e coordinará os esforzos de investigación interdisciplinarios en todos os niveis, co fin de xerar e utilizar o coñecemento para o proceso de transformación necesario para lograr un océano saudable, seguro e resistente.

Fonte: United Nations Decadeof Ocean Sciencefor Sustainable Development.



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X