XORNADA DE PRESENTACIÓN DO PROXECTO “SCIENTISTS MEET ARTISTS“

Con motivo da celebración do Día Mundial dos Océanos, o próximo 8 de xuño,  o Campus do Mar organiza unha xornada de presentación do proxecto “Scientists meet Artists “, unha iniciativa que busca fusionar Ciencia e Ilustración a través da produción de láminas artísticas sobre o medio mariño. Con cada lámina quérese transmitir un concepto ou coñecemento concreto en relación co mundo mariño, ben sexa o comportamento dun organismo mariño ben sexa un proceso nos océanos. Durante un ano, persoal investigador, principalmente do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, estiveron colaborando con ilustradores e ilustradoras, e como resultado desta colaboración e traballo conxunto realizáronse doce láminas.  Cada investigador aportou a idea e o coñecemento científico, mentres que o ilustrador plasmou ese concepto e contido na lámina. Como resultado deste traballo en común, producíronse 12 láminas de estilos e temáticas diversas.

Esta iniciativa ten como destinatario principal o público infantil. As láminas estarán dispoñibles sen colorear, para que podan ser coloreadas por eles. Cada lámina leva asociados contidos didácticos, accesíbeis a través de códigos QR, de xeito que axude na aprendizaxe e contribúa  ao reto impulsado pola Unesco de estender a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, algo no que Campus do Mar, como institución, estamos implicados.

As láminas estarán dispoñibles en tres idiomas, galego, español e inglés, e poderán ser descargadas de forma gratuíta desde a páxina do Campus do Mar.

Esta proxecto presentarase no transcurso dunha xornada, que dadas as circunstancias globais, vaise desenvolver en formato online. Neste evento, ademais de participar persoal investigador e ilustradoras que colaboraron coa iniciativa, contaremos coa participación da ilustradora  María José Gajate, cuxo nome artístico é Mariajo Ilustrajo.  En 2020 recibiu o premio  Word Illustration Overall Winner da AOI (Association of Illustrators) polos seus traballos gráficos.

Para máis información, poden descargar o programa (gal)   programa (esp)

Para participar na xornada é necesario realizar a inscrición previa a través deste enlace: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/7862

Desde hai décadas, a ONU celebra o “Día Mundial dos Océanos” como unha data de reflexión sobre o deterioro do inmenso azul que nos da vida. Este ano, o tema da data será “Os océanos: Vida e subsistencia”, escollido co propósito de alertar sobre o apoio que os océanos ofrecen, nomeadamente a respecto do sustento que estes fornecen.



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X