Xornadas de Portas Abertas no Centro de Investigacións Mariñas (CIM)

Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os seus centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.

As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.

CIM

O centro máis madrugador é o CIM, que este venres 22 abre as súas instalacións do campus de Vigo e o sábado 23 as da Ecimat en Toralla, ás que se suma a posibilidade de participar nunha viaxe en barco pola ría. A finalidade é que a cidadanía coñeza a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia de cara á sociedade.

As persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada ás instalacións do CIM no campus de Vigo o venres, percorrendo varios grupos de investigación no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia da Universidade de Vigo. Os participantes terán o reto de dar resposta a catro preguntas durante a súa visita e as e os que acerten recibirán un agasallo. Para esta visita haberá dúas quendas, unha ás 16 e outra ás 16.30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo, descubrir o funcionamento dun robot subacuático e outras experiencias de investigación mariña. Para esta actividade ofértanse tres quendas, dúas de mañá, ás 09.00 e ás 12.15 e unha de tarde, ás 16.00. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense, en concreto ao grupo de investigación EPhysLab, a partir das 12.00 horas.

Programa completo

Coñece o CIM no Campus de Vigo – venres 22 de outubro: actividade de en torno a unha hora e corenta minutos de duración que comprende unha visita guiada ás instalacións do CIM no Campus Universitario de Vigo.

Embárcate co CIM – sábado 23 de outubro: Actividade de 3 horas de duración que comprende un traxecto en barco dende A Laxe a ECIMAT, visita ao centro, actividades guiadas e regreso a A Laxe.

Coñece o CIM no Campus de Ourense – venres 29 de outubro: actividade de en torno a 30 min de duración que comprende unha visita guiada ás instalacións do CIM no Campus Universitario de Ourense.

O CIM pon en marcha esta serie de actividades de balde co obxectivo de dar a coñecer a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia de cara á sociedade, así como as instalacións da Estación Ciencias Marinas de Toralla (ECIMAT) como principal infraestrutura de investigación do CIM. Tamén se procura divulgar aspectos científicos do medio mariño relacionados coa ría de Vigo. A participación nestas actividades implica necesariamente a autorización á organización para a obtención de fotografías e a gravación de vídeo, que serán utilizados nas webs da Universidade de Vigo e nas súas redes sociais.

Fonte: DUVI

 



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X