A Comisión Europea designa o Campus do Mar como Nodo Nacional do plan estratéxico para impulsar o crecemento da economía azul

Hai un representante por cada país do arco atlántico e unha oficina central en Bruxelas.

Desde este verán e ao menos durante os próximos dous anos, Campus do Mar asumirá as funcións de Nodo Nacional do Mecanismo de Asistencia do Plan de Acción da Estratexia Marítima Atlántica da Comisión Europea, unha estratexia coa que a Comisión Europea pretende animar aos Estados Membros a traballar xuntos nos diferentes ámbitos da economía azul nos que, anteriormente, cada estado o facía de xeito individual. “Trátase de compartir información, custes, resultados e mellores prácticas, así como xerar ideas para outros ámbitos de cooperación das actividades marítimas”, explica o director do Campus do Mar, Daniel Rey, quen fai fincapé en que dito plan inclúe tanto actividades tradicionais como a pesca, a acuicultura, o turismo e o transporte marítimo, como cuestións máis emerxentes como as enerxías renovables e biotecnoloxía mariña.

Con esta decisión da Comisión Europea recoñécese “a capacidade de coordinación no ámbito mariño do Campus do Mar ao converternos na referencia nacional que asesore sobre o financiamento dispoñible a nivel da Unión Europea, nacional e rexional para os proxectos executados no contexto do plan de acción e o seu seguimento”, recalca Rey, ao que engade que isto executarase a través da creación de redes e a cooperación entre as partes interesadas, tanto a nivel nacional como da UE. “É un paso importante, no que é fundamental o importante apoio que nos está prestando a oficina de I+D”, recoñece o actual responsable de Campus do Mar.

Novas responsabilidades, maior visibilidade

O Mecanismo de Asistencia é unha ferramenta deseñada para apoiar a implementación do Plan de Acción, proporcionando orientación e apoio proactivo a organizacións públicas e privadas, institucións de investigación e universidades, así como investidores institucionais e privados da rexión atlántica. Para cumprir con este labor este mecanismo conta cunha rede de nodos nacionais ou National Hubs –un por cada país do arco atlántico- que operan, ademais de en España, en Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido, coordinados por unha oficina central con sede en Bruxelas.

“A relación cos outros catro nodos nacionais é moi fluída. O contacto a través do correo electrónico é semanal co fin de coordinar actividades e crear relacións entre participantes dos diferentes países”, explica Rey, ao que engade que xa se levaron a cabo dúas reunións en Bruxelas, unha de presentación ao Grupo de Dirección do Atlántico, o pasado mes de xullo, e outra de coordinación e formación este mesmo mes. “Así mesmo, xa se apoiou tamén a organización dun taller de consulta da Comisión Europea sobre Enerxías Renovables Mariñas celebrado en Las Palmas o pasado 12 de setembro, ao que asistimos, como parte dun proceso para revisar o plan de acción”.

Entre as funcións que asumirá a partir de agora Campus do Mar como Nodo Nacional atópase a de sensibilizar e informar sobre o plan de acción e sobre as iniciativas de política marítima adoptadas pola comisión, os estados membros e as rexións, así como facilitar a creación de redes e a cooperación entre as partes interesadas. “Ademais tamén é labor nosa levar a cabo labores de asesoramento sobre financiamento e recursos de apoio dispoñibles para os promotores de proxectos, tanto a nivel da Unión Europea, como nacional e rexional”, recalca o director do Campus do Mar.

Folla de ruta para os vindeiros seis meses

Como nodo nacional do Mecanismo de Asistencia tamén lle corresponderá a Campus do Mar contribuír á monitorización dos progresos realizados na aplicación do plan de acción mediante a identificación de proxectos e boas prácticas. Por outra banda, será básico organizar e apoiar a organización de seminarios e conferencias, así como participar en eventos do ámbito nacional ou a rexión Atlántica. Neste sentido o director do Campus do Mar salienta que nestes momentos se está a elaborar a folla de ruta para os vindeiros seis meses, calendario no que se concretarán as diferentes actividades que se van a levar a cabo.

Entre os novos labores de Campus do Mar está tamén incrementar a relación cos representantes políticos responsables da implementación do plan de acción a nivel nacional.

 

Lee la noticia en su fuente original: DUVI



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X