Campus do Mar repetirá por noveno ano consecutivo como “Campus Científico de Verano”

O campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo Campus do Mar foi seleccionado por noveno ano consecutivo polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para participar no Programa Campus Científicos de Verano, dirixido ao estudantado cos mellores expedientes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato de toda España. A nova edición do programa desenvolverase nunha ducia de sedes, entre elas o campus de Vigo, concretamente as facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar, así como na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e no Centro Oceanográfico de Vigo. “Ser seleccionados un ano máis para este programa, confirma o interese polos temas científicos mariños entre os mellores estudantes de 4º da ESO e 1ª de Bacharelato de todo España. Isto proporciónanos a posibilidade de mostrar o tipo de investigación e recursos dos que dispón a Universidade no ámbito científico mariño, e xerar un clima no que os estudantes interaccionen de forma moi próxima cos investigadores que están avanzando o coñecemento neste campo”, explica Daniel Rey, director de Campus do Mar.

Ademais de en Vigo, o Programa Campus Científicos de Verano desenvolverase este ano noutras once cidades españolas, que acollerán máis de corenta proxectos de achegamento científico entre o 28 de xuño e o 25 de xullo.

Da identificación de especies mariñas con técnicas xenéticas á avaliación da saúde do mar

Tras ser seleccionado por primeira vez en 2011 para tomar parte no Programa Campus Científicos de Verano e superar dende entón o milleiro de participantes, Campus do Mar desenvolverá este ano catro proxectos de achegamento científico para o estudantado seleccionado: Avaliación da saúde no mar; Unha praia: moito máis que area e auga; E ti, de quen es? e Invádennos, e agora que?

Na Facultade de Bioloxía e no Centro Oceanográfico de Vigo e da man das e dos científicos das áreas de Bioloxía Vexetal e Animal e Ecoloxía, as e os participantes no proxecto E ti de quen es? aprenderán a identificar a través de técnicas xenéticas as especies e subespecies da zona intermareal e outras coas que se traballa na acuicultura, con especial atención ao rodaballo, “ algo moi útil, por exemplo, para diferenciar especies que a primeira ollada son imposibles de distinguir, o que resulta fundamental para mellorar a trazabilidade e evitar a fraude na comercialización de produtos do mar”, explica Daniel Rey. Pola súa banda, no proxecto Invádennos, e agora que? a temática central é un dos principais efectos asociados ao cambio global, como é a extensión e consecuencias das especies invasoras. Este proxecto tamén se desenvolverá na Facultade de Bioloxía, no Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan.

Pola súa banda, a Facultade de Ciencias do Mar, acollerá os outros dous proxectos. O Grupo de Oceanográfica Biolóxica desenvolverá cos participantes en Avaliación da saúde no mar unha versión simplificada dunha campaña de mostraxe oceanográfica, estudando unha serie de variables útiles para a avaliación de calidade ambiental das augas obxecto de estudo. “O proxecto inclúe recollida de mostras, mediante a realización cunha campaña oceanográfica e o posterior traballo de laboratorio. A campaña, que consistirá nunha saída a ría de Vigo a bordo da embarcación Kraken I, introducirá ao alumnado no uso de diferentes instrumentos habituais en oceanografía e na recollida de datos das condicións físico-químicas da columna de auga e a toma de mostras para a caracterización biolóxica das zonas estudadas e para a determinación da existencia de microbios mariños nocivos”, detalla o director de Campus do Mar.

Por último en Unha praia: moito máis que area e auga e co apoio do Departamento de Xeociencias Mariñas, o estudantado poderá, a través dos sedimentos atopados nunha praia, coñecer unha gran cantidade de información, co obxectivo de familiarizarse coa sedimentoloxía, amosándolles ademais os parámetros descritivos básicos dun sedimento para comprender a súa relación coa dinámica costeira. Tamén se fará fincapé na relación que hai entre os procesos actuais que se poden observar, tanto no traballo de campo, como no laboratorio e o rexistro fósil dos mesmos.



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X