CIM e Campus do Mar impulsan coa Autoridade Portuaria, ARVI, Aclugana, Conxemar e Raxia 29 cursos de balde sobre economía azul no eido mariño-marítimo

A través do proxecto Impulsa Azul, do que poderán beneficiarse 420 persoas, tanto desempregadas como en activo

Centro de Investigación Mariña (CIM) e Campus do Mar pola Universidade de Vigo, Autoridade Portuaria, Conxemar, Arvi, Aclunaga e Raxia Formación porán en marcha 29 accións formativas de balde sobre economía azul no eido mariño-marítimo das que se poderán beneficiar ata 420 persoas, tanto desempregadas como en activo, no período 2025- 2027. Trátase dunha nova edición do proxecto ImpulsaAzul, liderado pola propia APV e financiado pola Fundación Biodiversidade dentro do programa Empleaverde+, que conta cun orzamento total de 556.120,36 €, e unha axuda da UE de 357.752,85 €.

O obxectivo principal do proxecto é capacitar a persoas desempregadas e traballadoras en sectores da Economía Azul, un dos ámbitos con maior potencial de xeración de emprego, co fin de que adquiran e reforcen competencias que respondan aos retos e oportunidades da transición ecolóxica cara a unha pesca e unha acuicultura sostibles.

Prioridade para persoas desempregadas

As 29 accións formativas abarcan diferentes sectores profesionais pertencentes á Economía Azul, incluíndo o sector pesqueiro, o naval, o das empresas comercializadoras e transformadoras dos produtos pesqueiros, así como tamén cursos transversais nos que se abordan aspectos presentes en todos estes ámbitos.

A previsión é alcanzar a participación de 420 matriculados e matriculadas, dándolle prioridade ás persoas desempregadas, aínda que tamén poderán beneficiarse as traballadoras, e contemplándose, ao mesmo tempo, a posta en marcha de medidas de acción positiva que favorezan a participación de mulleres.

Combinarase a docencia presencial, en Galicia e Andalucía, coa formación en liña, para o que se contará cunha plataforma e-learning creada especificamente para este proxecto na que, ademais de facilitarse a comunicación entre o alumnado e o persoal docente, se promove tamén a interacción entre os distintos participantes.

Un dos sectores con maior potencial para a xeración de emprego

A Economía Azul representa un dos sectores con maior potencial para a xeración de emprego. A pesca e a acuicultura empregan entre o 10% e o 12% da poboación mundial e estímase que estas cifras se duplicarán para o ano 2030. Pola contra, os traballos marítimos non resultan atractivos para a poboación nova, o que xera dificultades para que as empresas atopen man de obra coas habilidades e perfís adecuados. Ao mesmo tempo, só na Unión Europea hai aproximadamente 14 millóns de mozos entre 15 e 29 anos con dificultades para acceder ao mercado laboral, o que evidencia a necesidade de xerar oportunidades de emprego para estas novas xeracións de profesionais.

Fonte: DUVI



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X