Na procura de estratexias nutricionais capaces de lograr unha acuicultura máis sostible

O grupo de investigación de Fisioloxía de Peixes e a súa aplicación en acuicultura, PHYStoFISH, adscrito ao do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, é un dos socios participantes do proxecto Acuisost: Sostenibilidade e resistencia acuícola a través de estratexias nutricionais, un traballo dirixido a promover a sustentabilidade da acuicultura mediante o uso de estratexias nutricionais baseadas na formulación de pensos en base a novos ingredientes e na incorporación de aditivos tecnolóxicos. Financiado con preto de 750.000 euros por Fondos NextGeneration EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a subvención destinada á Universidade de Vigo ascende a 118.000 euros.

Liderado polo Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias, IRTA, participan tamén no consorcio, ademais da propia UVigo, as universidades de Barcelona e Murcia, o Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición, ICTAN-CSIC, e o clúster Acuiplus como representante da cadea de valor da acuicultura, ademais de diferentes entidades referentes do sector privado: Dibaq Acuicultura, Healthe Tech BioActives, Natac, Tebrio e Tecnoloxía e Vitaminas Farmfaes. O proxecto arrancou o pasado 30 de decembro e por diante quédanlle 23 meses de intenso traballo.

A UVigo é a encargada de avaliar como afectan estas novas dietas ao apetito dos peixes

“O obxectivo principal do proxecto é a busca de estratexias nutricionais que permitan obter dietas funcionais baseadas en novos ingredientes e melloradas coa incorporación de aditivos naturais que sirvan para optimizar a saúde e crecemento dos peixes en cultivo permitindo unha acuicultura máis produtiva, sostible e preparada para vindeiros desafíos como o cambio climático”, explica Marta Conde, investigadora distinguida da Universidade de Vigo, que coordina o proxecto xunto ao catedrático José Luis Soengas, líder do grupo de investigación PHYStoFISH.

“O noso papel neste proxecto é avaliar como estas novas dietas experimentais afectan aos mecanismos que regulan o apetito en peixes, unha liña na que temos ampla experiencia no noso grupo, xa que de pouco valería atopar dietas que sexan funcionais se despois non son ben aceptadas polos peixes en cultivo”, indica a investigadora, ao que engade que participación da UVigo neste proxecto xurde a partir da incorporación do grupo ao clúster Acuiplus, composto por un grupo de empresas e entidades de investigación relacionadas coa acuicultura. “Isto deunos a posibilidade de contactar directamente con representantes de distintas empresas e centros de investigación e elaborar entre todos unha proposta conxunta para a convocatoria de proxectos NextGeneration do ministerio subvencionados con fondos europeos”, recalca Conde, quen neste intre se atopa de baixa por maternidade.

Participar no proxecto supón unha importante oportunidade para o grupo xa que, tal e como indican, lles vai permitir a posibilidade de dar aplicabilidade práctica e transferir ao sector acuícola os coñecementos e experiencia adquiridos ao longo de moitos anos neste grupo de investigación relativos ao estudo dos mecanismos que regulan a inxestión de alimento nos peixes. Ademais, supón tamén abrir novas liñas e sinerxías cos grupos de investigación implicados, “os cales teñen un elevado prestixio a nivel nacional, e coas empresas colaboradoras, que seguro terán proxección en propostas futuras”, recalca Conde.

En total están implicados no proxecto dez investigadores da Universidade de Vigo: dous catedráticos, dous profesores titulares, unha investigadora distinguida, unha investigadora posdoutoral Juan de la Cierva-Incorporación, dous investigadores posdoutorais e dúas estudantes de doutoramento.

Os ensaios realizaranse con dourada e troita arco iris

Baixo a coordinación do IRTA, Acuisost abordará o uso de materias primas alternativas, a redución de axentes antimicrobianos mediante o uso de dietas funcionais que promovan a saúde e o benestar dos peixes, e a mellora da calidade e a vida útil dos produtos acuícolas de forma integradora e centrada no cambio climático. Todos os ensaios serán levados a cabo en dúas das principais especies de granxa nacionais: a dourada e a troita arco iris o que, segundo destacan desde o proxecto, “permite abordar tanto a acuicultura mariña como a continental, promovendo así unha acuicultura máis resiliente e sostible”.

O proxecto organízase en torno a tres grandes liñas de traballo: pensos con fariña de insectos como alternativa á fariña de peixe, pensos funcionais como estratexia alternativa ao uso de axentes antimicrobianos e a inclusión de aditivos na dieta destes peixes para a mellora do produto final.

 

Fonte: DUVI



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X