28 Xuñ Seis científicas referentes abordan novos retos de futuro na serie documental ‘Desafíos do Océano’ do Campus do Mar
Presentado este xoves no edificio Redeiras, o proxecto conta co financiamento da FECYT
Seis investigadoras referentes, seis retos e seis olladas de futuro. Así é a segunda edición da serie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar no que investigadoras de diferentes ámbitos do medio mariño contan a súa visión e experiencia ante novos retos de futuro. Cambio climático e produción primaria mariña, control da pesca, enerxía mariña e fontes alternativas, contaminantes emerxentes, xenética aplicada á conservación de especies e control do medio mariño son os desafíos que se abordan en cada un dos capítulos, de 10 minutos de duración, e xa dispoñibles para o público a través da páxina web do proxecto e das redes.
O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este xoves a presentación pública desta serie documental, un proxecto que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, FECYT. As seis protagonistas compartiron co público as súas experiencias no proxecto, dúas delas de forma presencial e outras catro a través de vídeos enviados para a ocasión. Un proxecto que naceu “para visibilizar a investigación mariña liderada por mulleres e espertar vocacións científicas e inspirar á mocidade abordando os novos problemas oceánicos críticos” e que, como sinalou o director do Campus do Mar, Daniel Rey, culmina esta segunda edición con novas temáticas, novos espazos de divulgación e novas melloras técnicas.
“Esta serie danos a oportunidade de promover a igualdade de xénero en STEM visibilizando modelos a seguir a través de historias atractivas que crean conexións emocionais coa audiencia, pero tamén de poñer en valor o traballo realizado por todas as investigadoras participantes, facilitando o poder influír en determinadas decisións políticas sobre a conservación oceánica”, explicou. Daniel Rey resaltou ademais a grande acollida da primeira edición de Desafíos do Océano, que acadou máis de 100.000 reproducións das seis pezas documentais e que foi destacado pola FECYT como exemplo de boas prácticas entre máis de 200 proxectos de toda España.
Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, indicou que o proxecto é un reflexo da identidade da institución e unha oportunidade “de devolver á sociedade todo o que nos dá”. “Coa xeración Z, comprometida de forma persoal co medio ambiente, Desafíos do Océano é unha grande oportunidade para promocionar o que facemos ao tempo que cambiamos hábitos e comportamentos”, resaltou.
A serie documental está xa accesible na web do Campus do Mar e tamén na páxina web do propio proxecto.
Seis capítulos, seis científicas, seis desafíos
A segunda edición desta serie documental de seis capítulos de 10 minutos de duración está protagonizada por Cristina Sobrino, investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo que abordou o cambio climático e a produción primaria mariña; Begoña Santos, da Axencia Europea de Pesca (EFCA) en Vigo, que falou sobre o control da pesca; Maite de Castro, investigadora do CIM-UVigo que tratou a enerxía mariña e as fontes alternativas; Paula Sánchez, científica do Instituto Español de Oceanografía – CSIC para afondar nos contaminantes emerxentes; Paloma Morán, investigadora do CIM-UVigo que tratou sobre a xenética apllicada á conservación de especies; e Covadonga Salgado, directora de Intecmar, que trasladou o traballo que se realiza en Galicia de control do medio mariño
Todas as participantes coincidiron en destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como Desafíos do Océano “para amosar o altísimo potencial científico de Galicia, moitas veces liderado por mulleres”, para divulgar temas de vixente actualidade entre a sociedade e espertar vocacións científicas non só entre a mocidade.
Concurso escolar
Para ampliar a súa acción, o proxecto complementouse con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar a xuventude á ciencia mariña en seis ámbitos de nivel global. A través do concurso escolar convocado para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1ª de Bacharelato, a rapazada puido colaborar a través de pequenas pezas audiovisuais na divulgación dalgúns dos retos de futuro en relación aos océanos e as posibles solucións.
Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas do Colexio Lestonnac Compañía de María de Valladolid, que puideron gozar dunha estancia de dous días en Vigo para coñecer a algunha das científicas protagonistas da serie, descubrir como é o seu día a día profesional e descubrir as instalacións e o traballo que se está a desenvolver na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Ademais, as e os gañadores visitaron as illas Cíes, o Museo do Mar e outras zonas costeiras de Vigo, como a praia da Fonte. Os vídeos gañadores pódense contemplar nas redes sociais do Campus do Mar.
Fonte: DUVI