Universidade e empresas colaborarán no proxecto SEAFEED co obxectivo de desenvolve-lo primeiro alimentador para acuicultura adaptado a granxas pequenas e medianas

A ausencia no mercado dun sistema de alimentación flotante para acuicultura no mar dimensionado especificamente para explotacións de tamaño mediano e pequeno, está na orixe de SeaFeed, unha iniciativa da empresa Feeding Systems S.L., que a firma viguesa desenvolverá en colaboración co grupo CIMA e investigadoras e investigadores do Centro Investigación Mariña da Universidade de Vigo e coas empresas Engranor, Quantum Innovative e Montajes Cancelas. Cun investimento total de algo máis dun millón de euros, dos que máis de 600.000 corresponden ao programa Conecta PEME da Xunta de Galicia e os 400.000 restantes a recursos propios das empresas, SeaFeed ten unha duración de 28 meses, que rematarán en setembro do ano 2020.

“No caso da alimentación offshore, normalmente úsanse adaptacións de barcos ou embarcacións fixas de alto tonelaxe. Este tipo de embarcacións realízanse en aceiro ou en formigón armado e un exemplo destas solucións, denominadas pontóns, son as comercializadas polo grupo noruegués Akvagroup, que fabrica pontóns que van desde as 150 ata as 850 toneladas”, explica Daniel Burgos, investigador do grupo CIMA, en relación coas dimensións e tonelaxes dos equipos empregados para o engorde da acuicultura do salmón, que non son compatibles co resto das especies, como a robaliza ou a dourada. Burgos forma parte do grupo de sete investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo implicados no proxecto SeaFeed, no que CIMA “participará no deseño e desenvolvemento da plataforma autónoma e do sistema de alimentación e no desenvolvemento dos sistemas de xeración de enerxía”. Pola súa banda os científicos do CIM, xunto co persoal técnico da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla “traballarán no consorcio da definición de parámetros biolóxicos das especies de acuicultura que definan a actuación e o control intelixente do conxunto”, explica Burgos.

A escasa demanda de sistemas de alimentación para acuicultura máis aló do cultivo do salmón, resultou determinante ata o de agora para impedir unha evolución cara a sistemas adaptados a outras especies, o que obriga aos profesionais da acuicultura a adaptar estes pontóns de alta tonelaxe ás características inherentes a outras instalacións e especies, cos problemas que estes axustes poidan ter sobre a produción.

“O obxectivo de SeaFeed é desenvolver un sistema de alimentación destinado a acuicultura en mar, xa sexa offshore ou nas proximidades da costa, automatizado, intelixente e autónomo, instalado nunha plataforma flotante enerxeticamente eficiente, que permita optimizar os procesos de alimentación e garantir a independencia tecnolóxica da industria galega fronte á importación técnica de terceiros países”, sinala Miguel Arostegui, CEO de Fish Farm Feeder, que confirma que a comercialización do alimentador se realizará a través de Fish Farm Feeder-Feeding System S.L., que como única empresa española fabricante de alimentadores de piscifactoría dispón dunha rede mundial de distribuidores.

Entre as innovacións tecnoloxías que o proxecto agarda acadar están: o desenvolvemento de sistemas que sexan quen de aprender (learning machine) de xeito que poidan xerar unha mellora continúa dos protocolos de alimentación e garantan ademais que sexan estables e replicables; o desenvolvemento de sistemas de xestión da información que permitan transformar os datos en coñecemento para acadar unha vantaxe competitiva e unha mellora continua dos procesos produtivos e avanzar no deseño de estruturas mariñas flotantes que minimicen o uso da enerxía fósil, as emisións de CO2 á atmosfera e as verteduras de auga.

En canto aos mercados potenciais de SeaFeed, os responsables do proxecto apuntan a que o novo alimentador está especialmente orientado á acuicultura en mar que se produce na vertente europea mediterránea e/ou atlántica, así como ás áreas de produción de América Latina, “onde os requisitos de produción de especies diferentes ao salmón non poden ser cubertos cos pontóns de alta tonelaxe que se fabrican en Noruega e Escocia”, explican.

O proxecto foi presentado o pasado venres día 30 de novembro nunha sesión celebrada no auditorio do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial, no que participaron as e os investigadores da Universidade de Vigo e os responsables e representantes das empresas implicadas en SeaFeed.



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X