A FECYT selecciona o proxecto Desafíos do Océano do Campus do Mar como exemplo de excelencia en divulgación científica

A fundación destacou da iniciativa a variedade de formatos, a implicación activa do público escolar

Forma parte do catálogo que anualmente publica a entidade

 

O proxecto de divulgación científica Desafíos do Océano: científicas ao mando, promovido polo Campus do Mar, foi seleccionado como exemplo dentro do catálogo La excelencia y la innovación en la divulgación científica. Selección de proyectos de la Convocatoria de Ayudas para el fomento de la cultura científica, tecnológica y de la innovación 2020 da Fundación Española para la Ciencia y la Tencología (FECYT). A entidade reuniu nunha publicación nove das 211 actividades que recibiron financiación nesa anualidade e que destacan pola súa innovación en divulgación científica.

Segundo a FECYT, o obxectivo desta recompilación é “poñer en valor a calidade dos proxectos financiados, así como servir de inspiración a aquelas entidades que queiran poñer en marcha actividades de divulgación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. A entidade explica na publicación que o proxecto do Campus do Mar “é un claro exemplo de como a divulgación científica e a innovación poden fusionarse para inspirar e educar o público sobre os retos e marabillas do noso océano”.

Para o director do Campus do Mar, Daniel Rey, o proxecto “é moi relevante pola capacidade de conectar ciencia e sociedade a través de emocións humanas tan importantes como a curiosidade e a proximidade, xa que nas entrevistas non só hai divulgación científica, senón que detrás da investigación hai persoas que contan a súa loita persoal para sacar adiante unha carreira investigadora”. Daniel Rey sinala tamén que “tanto para Campus do Mar como para a Universidade de Vigo é un orgullo que despois de tantos anos de esforzo e traballo neste ámbito, este proxecto sexa elixido como modelo de referencia de divulgación científica”.

Por que é unha práctica innovadora?

Ao abeiro dos criterios de avaliación promovidos pola fundación, Desafíos do Océano é unha práctica innovadora por ser un proxecto multiformato, con implicación activa do público escolar e ofrecendo unha visión da ciencia diversa e inclusiva. Concretamente, no catálogo subliñan que a miniserie documental é referente “non só polo seu contido científico e o seu formato innovador, senón tamén polo seu enfoque en crear un ambiente propicio para a divulgación científica auténtica e accesible”.
Na publicación establecen que este proxecto destaca polo seu formato de miniserie documental de seis capítulos protagonizados por polas investigadoras Celia Olabarría (CIM), Lucía Viñas (IEO), Ana Bernabeu (CIM), Marta Álvarez (IEO), Silvia Torres (Cetmar) e Carmen González Sotelo (IIM-CSIC), que abordan temas nos que son especialistas como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca. Así, indican que “a súa curta duración faino particularmente atractivo, sendo facilmente consumible en dispositivos dixitais e cun alto potencial de difusión en redes sociais, distribución en festivais e outras canles”.

Ademais, a iniciativa tamén incluíu accións paralelas para diversificar o seu formato, como concursos e estancias en laboratorios para estudantes, permitindo aos participantes involucrarse activamente na investigación científica mariña e experimentar de primeira man a vida dunha investigadora. A FECYT tamén salientou o ambiente de confianza creado durante a produción dos vídeos e o feito de que o equipo técnico se adaptase ás limitacións de tempo das investigadoras como un aliciente para que a conversa fluíse de maneira natural e próxima.

Fonte: DUVI



Web y subwebs financiadas por:

Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X