02 Nov A miniserie Desafíos do Océano do Campus do Mar estreouse na V Mostra Internacional de Cine Documental Mares do fin do mundo
As investigadoras do CIM-UVigo Celia Olabarria e Ana Bernabeu participaron neste proxecto que conta co financiamento da FECYT
Tras varios meses de traballo, proxectouse por primeira vez en público a miniserie documental Desafíos do Océano, un proxecto audiovisual de seis capítulos protagonizados por outras tantas investigadoras do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. Tras a súa presentación en sociedade o mes pasado nun acto para medios de comunicación, a serie comezou a súa andaina por festivais na V Mostra Internacional de Cine Documental Mares do fin do mundo celebrada no Concello de Outes.
Este documental é o resultado do proxecto que leva o mesmo nome, Desafíos do océano: científicas ao mando, desenvolvido pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT. A miniserie consta de seis capítulos de aproximadamente 15 minutos de duración protagonizados polas investigadoras do Campus do Mar Celia Olabarria (CIM-UVigo), Lucía Viñas (IEO), Ana Bernabeu (CIM-UVigo), Marta Álvarez (IEO), Silvia Torres (Cetmar) e Carmen González Sotelo (IIM-CSIC). En cada unha das pezas, as científicas abordan temas como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca. O obxectivo é dar a coñecer a investigación que desenvolven as mulleres científicas arredor de temas de actualidade no eido das ciencias mariñas a nivel global e que constitúen desafíos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.
Tres capítulos e un debate
Desafíos do océano estrouse no marco da sección Proxeccións especiais da mostra Mares do fin do mundo pero, por razóns de tempo, proxectáronse unicamente tres dos seis capítulos, os que abordan a erosión costeira, da man da investigadora do CIM-UVigo Ana Bernabeu; a sostibilidade da pesca, con Carmen González Sotelo, do IIM-CSIC e o que analiza a presenza de microplásticos nos océanos, con Lucía Viñas, do IEO.
Na estrea estiveron presentes o director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo, Daniel Rey; a xestora do Campus do Mar, Noelia Estévez; a profesora e investigadora do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental do Centro de Investigación Mariña da UVigo Ana Bernabeu e a integrante da equipa técnica de realización audiovisual Claudia Alonso. Todos eles participaron tras a proxección nun coloquio co público asistente.