Campus do Mar continúa espertando vocacións científicas por todo o territorio nacional

Manuel Reigosa e Daniel Rey déronlle a benvida á primeira quenda de alumnas e alumnos participantes

Ter unha primeira toma de contacto coa Universidade, poder experimentar nun laboratorio real, coñecer xente con intereses similares… as motivacións que impulsan a cada unha das rapazas e rapaces que se matriculan nun Campus Científico de Verán son múltiples e variadas, pero a todas e todos os une o seu interese por entrar en contacto directo co labor diario da comunidade investigadora nun ambiente universitario e multicultural, que lles axudará a definir a súa proxección futura de estudos. Este luns arrancou en Vigo a oita edición dos Campus Científicos de Verán-Campus do Mar 2018, unha cita que volverá traer á cidade 120 mozas e mozos, estudantes de ensino secundario e bacharelato con expedientes brillantes procedentes de todo o territorio nacional, repartidos en catro quendas de 30 estudantes.

A primeira hora da mañá déronlles a benvida a esta primeira quenda o reitor, Manuel Reigosa; o novo director do Campus do Mar, Daniel Rey; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, María Álvarez Lires, responsable do programa docente que van seguir ao longo de toda a semana, e a coordinadora da actividade, Lorena Cariño. “Estou seguro de que o noso profesorado vos vai atender estupendamente e que ides quedar moi contentos, ao igual que quedaron os compañeiros e compañeiras que viñeron en anos anteriores”, recalcoulles o reitor, ao tempo que os convidou a pensar en Vigo como a súa universidade de destino, ou “en todo caso, estudiedes aquí ou non, o que si nos gustaría e que deixedes neste campus unha parte dos vosos corazóns e vos lembredes de nós, se non é para o grao, si para o mestrado ou para colaborar con nós no futuro”, pois, segundo lles recalcou, pese a ser unha universidade aínda moi nova “estamos desexando establecer unha mesta rede de relacións tanto a nivel nacional como internacional”.

Por diante quédalles unha semana na que completar un programa de achegamento científico, divididos en grupos de 7 ou 8 alumnos/as por proxecto, para a final de semana facer unha presentación formal dos resultados da súa experiencia. Dedicarán as mañás a realizar traballos en laboratorio e facer saídas de campo para recoller mostras e as tardes resérvanse para outro tipo de actividades máis relacionadas co ocio e a divulgación. “Este ano por primeira vez o programa inclúe unha visita de dúas horas ao Porto de Vigo, un dos máis representativos de todo o país, e mantense a excursión ao Museo do Mar de Galicia, así como a posibilidade de realizar un bautismo de surf na praia de Patos, en Nigrán”, explicoulles a coordinadora do campamento.

A metade chegan de Andalucía e Madrid

As e os participantes son estudantes de 1º de bacharelato (quendas 1 e 2) e de 4º da ESO  (quendas 3 e 4) nacidos nos anos 2001 e 2002, todas e todos cunha nota superior a 9,4 e cun interese común pola investigación e a ciencia. Chegan de toda España, pero sobre todo de Andalucía (32) e Madrid (28).  Procedente de Almería Itziar Gil explica que lle encanta todo o que ten que ver co mundo científico, “aínda que o meu é un caso particular xa que, se ben me encanta a Xenética e a Biotecnoloxía, penso que finalmente me vou decantar pola carreira de piano, a miña outra gran paixón”. Ao seu carón, o madrileño Gonzalo de la Cruz, admite que “estou encantado co feito de estar aquí, matriculeime porque me parecía un proxecto super interesante e penso que non me trabuquei”.

Nin a choiva, nin a néboa que esta mañá reinaba no campus baixaron os ánimos destes estudantes. “De feito, eu estou encantada de que chova e faga algo de frío”, explicaba a malagueña Eva Núñez. Ao seu carón a alumna leonesa Raquel Arancio confirmaba que “o ambiente entre todos os participantes está a ser estupendo, a todos nos encanta a ciencia e penso que o imos pasar xenial”. Para Olga Laredo (Xixón), Helena Falcó (Valencia) e Gema López (Granada), esta é a súa primeira experiencia nun proxecto destas características e admiten que aproveitarán cada minuto. “Estou segura de que tamén nos vai axudar a decidir que imos estudar no futuro”, recalcaba López.

Combinando laboratorios con saídas de campo

Tras a presentación, realizada na sala 1 do edificio Miralles, un grupo partiu cara a Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, outro ao Instituto Español de Oceanografía e, os outros dous, realizaron saídas de campo á zona de Monteferro e Sabarís para, posteriormente, traballar en laboratorio. En total hai catro proxectos: Geoloxía (Unha praia: moito máis que area e auga), no que traballan fundamentalmente no ámbito da oceanografía xeolóxica, combinando a recollida de mostras en praias do Valmiñor coa análise das mesmas nos laboratorios do campus;  Botánica (Invádennos, e agora que?, centrado nos efectos do cambio global e, mais concretamente, nas especies invasoras en ecosistemas costeiros;Xenética (E ti de quen es?), orientado á identificación de especiais comerciais e Bioloxía (A vida a través de organismos mariños), no que se formula unha visión simplificada dunha campaña de investigación oceanográfica.

Ademáis dos docentes e investigadores ligados ao Campus do Mar, que desenvolverán as actividades científicas, colabora nesta iniciativa un equipo de profesionais da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra, que guiarán durante os campus aos alumnos e alumnas, de cara á sesión de presentación de resultados que realizarán ao finalizar a súa estancia, na que se pretende que os estudantes desenvolvan as súas capacidades comunicativas e divulgativas transmitindo os coñecementos adquiridos durante a súa estadía en Vigo.

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/campus-mar-continua-espertando-vocacions-cientificas-todo-territorio-nacional



Web y subwebs financiadas por:

Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X