Campus do Mar presenta o proxecto Scientists meet Artists na Bienal da Real Sociedad de Historia Natural

O proxecto de divulgación Scientists meet Artists desenvolvido polo Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo foi unha das propostas presentadas este xoves na XXIV Bienal da Real Sociedad de Historia Natural, que se está a celebrar en Valencia.

Este simposio, que coincide coa celebración do 150 aniversario do nacemento da RSEHN, ten como temática central a pegada humana na natureza, xunto con outras áreas temáticas clásicas relacionadas coas ciencias naturais. Pero unha das novidades desta edición é a inclusión da área relativa á ilustración científica e a ciencia cidadá. É precisamente neste eido no que se insire o proxecto da UVigo, unha iniciativa que trata de achegar a ciencia mariña á sociedade a través a arte. Para isto, ao longo dun ano, 12 científicos e científicas do Campus do Mar, pertencentes ás universidades de Santiago, Minho e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía, xunto con outros tantos artistas traballaron da man para crear 12 láminas interactivas sobre o medio mariño destinadas a nenos e nenas e ás súas familias.

Ilustrar a ciencia

A encargada de presentar os resultados deste proxecto na bienal da RSEHN foi Noelia Estévez, xestora do Campus do Mar, que explicou aos asistentes como Scientists meet Artists xurdiu en pleno confinamento pola covid-19, cando eran moitas as familias que procuraban en internet material didáctico e lúdico, como por exemplo debuxos para colorear, para entreter os nenos e nenas da casa. Nesa necesidade, dende Campus do Mar viron unha oportunidade para que xogando e divertíndose, os máis pequenos da familia se achegasen aos mares e océanos, un proceso que se coñece como a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, un reto impulsado pola Unesco no que Campus do Mar está implicado. Tras un ano de traballo conxunto realizado en parellas de científicos/artistas, a comezos deste verán presentouse o caderno de recursos didácticos composto por unha ducia de láminas artísticas sobre conceptos ou procesos científicos que ocorren no medio mariño. As pezas, que están dispoñibles na web do Campus do Mar en branco e negro para ser coloreadas, contan cun breve texto explicativo que acompaña á ilustración así como un pequeno currículos sobre cada investigador e artista implicado en cada lámina. Ademais dispoñen de cadanseu código QR que leva asociados contidos didácticos accesíbeis para toda a familia. Deste xeito, non só os pequenos poden achegarse ao medio mariño, senón que a idea é estender esta experiencia a toda a familia, de modo que todos os membros exploren a lámina a distintos niveis de coñecemento. Entre outras temáticas abordan o papel dos cogombros de mar nos océanos, a xenética coma ferramenta fundamental na trazabilidade das pescadas, a importancia das praderías de zostera mariña, a ardora, o efecto dos plásticos no medio mariño ou mesmo o fenómeno dos afloramentos nas rías.

Vía: Duvi



Web y subwebs financiadas por:

Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X