Ciencia ilustrada, a maridaxe perfecta para dar a coñecer a investigación mariña

Coincidindo coa celebración este 8 de xuño do Día Internacional dos Océanos, o Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña presentaron os resultados do proxecto Scientists meet artists, unha iniciativa que pon en contacto a investigadores e ilustradores para divulgar a ciencia mariña. Ao longo dun ano, 12 científicos e científicas do Campus do Mar, pertencentes ás universidades de Santiago, Minho e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía, xunto con outros tantos artistas traballaron da man para crear 12 láminas interactivas sobre o medio mariño destinadas a nenos e nenas e ás súas familias. Deste xeito, ciencia e arte mestúranse poñendo en común as súas capacidades para achegar á sociedade o medio mariño e os seus segredos.

A presentación das láminas tivo lugar este martes nun acto divulgativo no que participaron arredor de 70 persoas, que consistiu nun foro aberto para debater sobre a experiencia de compartir traballo dende dúas áreas tan diversas como a ciencia e a arte. O director do Campus do Mar, Daniel Rey, recalcou na apertura do evento que este Día Internacional dos Océanos “é un pouco máis especial porque é o primeiro dentro do Decenio dos Océanos, impulsado pola Unesco e dedicado ás ciencias oceánicas e ao desenvolvemento sostible”.

Alberte Román e Noelia Estévez, xestores do Campus do Mar, foron os encargados de presentar tanto as parellas de traballo como as láminas que teñen como obxectivo achegar a ciencia mariña á cidadanía. “O océano segue a ser un misterio para nós, como sociedade aínda estamos na beira, mirando o océano con moitos interrogantes, preguntándonos aínda de onde veñen as ondas”, apuntaba Román. Precisamente, engadía Estévez, Scientists meet artists naceu para que a sociedade “poida dar un paso máis, afastarse da ribeira e coñecer os procesos oceanográficos, o papel de determinados organismos nos ecosistemas ou, por exemplo, que problemáticas se agochan detrás de contaminación ambiental”.

O evento completouse cun debate entre ambos colectivos, moderado pola investigadora Alicia Bruzos e a ilustradora Mariajo Ilustrajo, gañadora do Word Illustration Overall Winner da AOI (Association of Illustrators).

Un proxecto que nace do confinamento

A idea do proxecto Scientists meet artists naceu en pleno confinamento domiciliario, e a chispa que o fixo prender foron precisamente as familias que buscaban en internet material didáctico e lúdico, como por exemplo debuxos para colorear, para entreter aos nenos e nenas da casa. Explica Daniel Rey, director do CdM, que quixeron xerar alternativas similares pero afastadas da ilustración científica tradicional que, ademais de para xogar, servisen para “impulsar un mellor coñecemento dos mares e océanos”, o que se coñece como a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, un reto impulsado pola Unesco no que Campus do Mar está implicado.

As láminas están dispoñibles en branco e negro, cun título e un breve texto explicativo que acompaña á ilustración. Ademais dispoñen de cadanseu código QR que leva asociados contidos didácticos accesíbeis para toda a familia. Deste xeito, non só os pequenos poden achegarse ao medio mariño, senón que a idea é “reunir as familias arredor deste concepto, de xeito que todos os membros exploren a lámina a distintos niveis, ofrecendo unha explicación sinxela, pero rigorosa”. As pezas estarán dispoñibles en galego, español e inglés e poderán ser descargadas de balde na web do Campus do Mar a partir de mañá mércores. Tamén se compilarán nun caderno no que se incluirán tamén breves currículos tanto dos científicos como dos ilustradores.

Unha vía para conectar coa sociedade

Transcorrido un ano de traballo e co resultados xa sobre a mesa, o director do Campus do Mar, Daniel Rey, valora moi positivamente a interacción entre persoal científico e ilustradores. “Foi moi interesante e extraordinariamente enriquecedora, xa que aos científicos permítenos conectarnos co mundo creativo, que utiliza unhas canles de comunicación moi ben definidas para conectar coa sociedade, apelando ás emocións e á beleza. Mentres, aos artistas proporciónalles acceso a unha información moi diferente á que teñen acceso normalmente, tanto pola súa temática, como fonte de inspiración, como a algo que creo que é mais descoñecido: a paixón e sensibilidade dos científicos cando falan das súas investigacións. É dicir, de explicarse en termos emocionais do significado da súa obra científica, de forma semellante a como os artistas falan da súa, máis aló das técnicas específicas que utilizan cada un deles”.

Ademais, con esta iniciativa ábrese, engade do director do CdM, “unha vía fundamental para conectarnos coa sociedade, de facernos entender, de proxectar o noso lado máis emotivo”, remarca Daniel Rey. Neste sentido, explica que cada un dos 12 científicos e científicas impartiu con anterioridade algunha conferencia no ciclo Café con Sal sobre o seu campo de traballo e as láminas redirixirán a estas charlas, “aspecto moi útil para os pais, docentes, titores que expliquen os conceptos asociados das láminas as máis pequenos”.  Entre as temáticas elixidas para as láminas, por exemplo, está o papel dos cogombros de mar nos océanos, a xenética coma ferramenta fundamental na trazabilidade das pescadas, a importancia das praderías de zostera mariña ou mesmo o fenómeno dos afloramentos nas rías.



Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X