FAO e UVIGO traballan conxuntamente para crear un protocolo de implantación do método iSharkFin destinado ó control da pesca ilegal de especies protexidas en países emerxentes

A creación dun protocolo de implantación do programa iSharkFin en países emerxentes centra a reunión que ata onte celebrou a FAO (Food and Agriculture Organization of the United Nations) en Vigo e na que participaron unha vintena de investigadoras e investigadores procedentes de Australia, Ecuador, Emiratos Árabes, Indonesia, Irán, Italia, Malaisia, Nixeria, Paquistán, Sri Lanka e Taiwán. “O obxectivo principal é crear un protocolo de implantación en países emerxentes onde a pesca de tiburóns é moi importante e existen dificultades para o control da pesca ilegal de especies protexidas”, explica o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Cástor Guisande, promotor do método iSharkFin de identificación de especies de tiburóns a partir das súas aletas.

Desde que Guisande recibise hai seis anos o encargo da FAO de desenvolver un método destinado a evitar a pesca de especies protexidas, iSharkFin utilízase a día de hoxe e por recomendación da FAO en todo o mundo, para a identificar preto de 40 especies. Fronte á implantación do programa en países non emerxentes, “onde está resultando relativamente doado pola infraestrutura e loxística existentes”, Cástor Guisande recoñece que a súa posta en servizo en países emerxentes, onde nalgúns casos a pesca de tiburón é moi importante, implica “moitos problemas técnicos, burocráticos, loxísticos, etc… que dificultan a súa implantación e, de aí a necesidade de buscar estratexias que faciliten o uso do programa e sexa posible institucionalizalo dentro dos protocolos destes países”, sinala o docente e investigador da Universidade de Vigo.

A celebración desde o luns ata onte da reunión na que se elaborou o protocolo para implementar o programa en máis países e na que se establecerá o mecanismo para a recepción de novas especies e fotos de aletas de especies da área de influencia dos países participantes, é considerada por Guisande como “un recoñecemento de FAO ao papel realizado pola Universidade en todo o proceso”.

En canto aos retos futuros que enfronta iSharkFin, ademais de estendelo “a un maior número de países, está incluír máis especies que se poidan identificar e mellorar o grao de identificación incluíndo máis individuos de diferentes zonas do mundo na súa base de datos”, detalla Cástor Guisande. iSharkFin importa a fotografía da aleta de tiburón que se quere identificar e toma uns puntos de referencia, cos que o programa aplica un algoritmo de identificación e o resultado é o nome da especie cunha probabilidade de pertenza á mesma.

Fonte: DUVI



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X