12 Jul O Campus do Mar crea unha serie documental para enfrontarse aos ‘Desafíos do océano’
Seis investigadoras abordan temas relevantes para o futuro dos océanos, do planeta e da humanidade
Seis investigadoras afondando en seis retos de especial relevancia para o futuro dos océanos, do planeta e da humanidade. Ese é o eixo central da miniserie documental Desafíos do océano: científicas ao mando, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, que achega un orzamento de 18.000 euros.
A iniciativa nace cun obxectivo claro. “Queremos dar a coñecer a investigación que mulleres científicas das institucións que pertencen ao Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar desenvolven arredor de temas de especial relevancia nas ciencias mariñas e informar, divulgar, concienciar e animar á sociedade actual a formar parte do cambio necesario nos nosos hábitos de cara a un desenvolvemento sostible”, explica Daniel Rey, director do Campus do Mar.
A miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración está protagonizada polas investigadoras Celia Olabarria (CIM-UVigo), Lucía Viñas (IEO), Ana Bernabeu (CIM-UVigo), Marta Álvarez (IEO), Silvia Torres (Cetmar) e Carmen González Sotelo (IIM-CSIC), que abordan temas nos que son especialistas como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca.
Visibilizar o papel das mulleres na ciencia
A través do proxecto trátase tamén de visibilizar o papel protagonista da muller na ciencia “como contrapunto á histórica fenda de xénero existente no mundo da investigación, amosando científicas á fronte de proxectos de investigación mariña de primeiro nivel e como elemento xerador de vocacións científicas referentes, promovendo a igualdade de xénero”. E faise cun modelo actual, moderno e accesible co que chegar de xeito máis directo á sociedade. Como salienta Daniel Rey, “empregamos o formato máis consumido na actualidade polo público xeral, sen diferenza de idade, sexo, formación ou intereses. Un formato que se poderá ver en calquera dispositivo e cunha duración curta que o fai particularmente atractivo, xa que as e os espectadores hoxe en día están acostumados a gozar destes contidos e a telos á súa disposición en calquera lugar e momento”.
A miniserie, xa en produción, proxectarase nun acto de presentación á sociedade que contará coa presenza das investigadoras participantes, de responsables do Campus do Mar e da Universidade de Vigo e de representantes das institucións ás que pertencen as protagonistas. Por outro lado, os vídeos estarán a libre disposición e descarga de todas as persoas interesadas.
Para ampliar o público obxectivo, o proxecto Desafíos do océano compleméntase con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar ás vindeiras xeracións a temas de candente actualidade nas ciencias mariñas a nivel global.
Fonte: uvigo.gal (DUVI)