Seis científicas referentes desvelan os ‘Desafíos do Océano’ nunha miniserie documental do Campus do Mar

Especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade da pesca son o retos abordados en cada capítulo

Seis investigadoras referentes en distintos ámbitos do medio mariño dan a coñecer as súas visións e traballos na miniserie documental ‘Desafíos do Océano: científicas ao mando’. Especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade son os retos que abordan en cada uno dos capítulos, de 15 minutos de duración e xa dispoñibles na rede.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a presentación pública desta miniserie documental de seis capítulos, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, que achega un orzamento de 18.000 euros. O acto contou coa participación de tres das seis protagonistas deste proxecto audiovisual, que compartiron co público as súas experiencias.

O proxecto audiovisual aborda seis ámbitos de gran relevancia a nivel global que representan desafíos de futuro para “os océanos, o planeta e a humanidade”, segundo destacou Daniel Rey, director do Campus do Mar. Na súa intervención, lembrou que a reflexión arredor destes retos faise “a través da ollada, traballo e achegas de seis reputadas investigadoras nestes ámbitos en Galicia”.

Durante a presentación Rey destacou que entre os obxectivos desta serie audiovisual está o de “visibilizar” o traballo e traxectoria destas mulleres investigadoras, cun estilo que busca fuxir de “tópicos” e achegar á audiencia ao día a día destas científicas “desde a proximidade e dunha forma bastante íntima”.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, cualificou o proxecto como unha “aposta audiovisual interesantísima” que, ademais, conta co “selo FECYT, froito dun duro proceso competitivo”. Así, trasladou o apoio da Universidade a unha iniciativa chamada a “espertar vocacións científicas” e a facelo a través de “referentes femininos”. “Estamos aí para o que precisedes”, asegurou.

No acto de presentación deste venres participou, desde a distancia, a directora xeral da FECYT, Inmaculada Aguilar. A través dun vídeo manifestou o “orgullo” que supón apoiar un proxecto que contribúe a facer “ofrecer referentes ás novas xeracións”  e a facer que a ciencia sexa “máis accesible e atractiva”.

A miniserie documental está xa accesible na web do campus do mar  https://campusdomar.gal e tamén na páxina web do propio proxecto  https://desafios.campusdomar.gal

Seis capítulos, seis científicas, seis desafíos

A miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración está protagonizada polas reputadas investigadoras Celia Olabarria (especies invasoras – CIM-UVigo), Lucía Viñas (plásticos mariños – IEO), Ana Bernabeu (erosión costeira – CIM-UVigo), Marta Álvarez (acidificación oceánica – IEO), Silvia Torres (eventos extremos – CETMAR) e Carmen González Sotelo (sostibilidade da pesca – IIM-CSIC). Tres das seis protagonistas participaron na presentación, onde se proxectou un trailer que, en poucos minutos, resume a miniserie.

As protagonistas coincidiron á hora de destacar o necesario de acometer accións de “visibilidade” ás mulleres científicas e tamén aos seus respectivos ámbitos de actividade, asegurando que ter participado no documental supúxolles reflexionar cuestións do seu traballo nas que o ritmo do día a día fai difícil atopar un momento.

En canto aos seus ámbitos concretos de actividade, Carmen González (sostibilidade, trazabilidade e etiquetado) destacou como retos facer que o consumidor sexa consciente de que “o que consumimos importa e ten impacto sobre o medio ambiente”; mentres que Marta Álvarez (acidificación) fixo fincapé en transmitir a preocupación sobre o que “o invisible tamén importa”. De igual modo, Lucía Viñas (microplásticos) valorou que toda esa información que está sobre a mesa arredor da problemática dos plásticos serve ademais para “levar o foco” a outros tipo de contaminación mariña.

Concurso escolar

Para ampliar a súa acción, o proxecto ‘Desafíos do Océano’ complementouse con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar á xuventude á ciencia mariña en seis ámbitos de nivel global. Noelia Estévez, xestora do Campus do Mar, presentou ao público o concurso escolar convocado para alumnado de 4º da ESO e 1ª de Bacharelato que consistiu na elaboración dun pequeno vídeo de 3 minutos de duración sobre algúns dos retos de futuro en relación aos océanos.

Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas dun centro de Badaxoz e doutro de Segovia, que puideron gozar dunha estancia de tres días en Vigo para coñecer ás científicas protagonistas da miniserie, descubrir como é o seu día a día profesional e coñecer a zona de Vigo e a súa contorna mariña. Os vídeos gañadores pódense contemplar na páxina de Facebook do proxecto ‘Desafíos do Océano”.



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X