Sherpa do Mar remata singradura co lanzamento de 12 starps-up que modernizan o sector mariño-marítimo da eurorrexión

Liderado polo grupo Rede, Campus do Mar e a Oficina de I+D da Universidade de Vigo, o proxecto europeo Sherpa do Mar púxose en marcha en 2019 co obxectivo de crear e consolidar un ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no contexto mariño-marítimo. Tres anos despois, o obxectivo está cumprido. Así se expuxo este xoves no evento de peche e divulgación de resultados deste proxecto, unha xornada na que se explicou que, grazas aos recursos xerados a través da cooperación transfronteiriza, foi posible lanzar ao mercado 12 novas iniciativas empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo da Eurorrexión favorecendo, á súa vez, a xeración de emprego, o apoio a 20 empresas para desenvolver a súa competitividade empresarial a través de actividades innovadoras e a elaboración de diagnoses personalizadas de desempeño innovador a 120 empresas de Galicia e norte de Portugal con actividades relacionadas co mar.

A xornada, retransmitida vía streaming, tivo lugar na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela e nela contouse coa participación do catedrático de Organización de Empresas e coordinador do grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez, e a directora da Área de Servizos de GAIN, Patricia Fernández Liz. Tal e como explicou Vázquez, con Sherpa do Mar o que se fixo foi tentar aproveitar todos os recursos que había, “que xa eran moitos e moi capacitados”, para impulsar o emprendemento tecnolóxico, a creación de start-ups que engadisen ao tecido empresarial un elevado nivel de coñecemento. “Fíxose un esforzo en tres campos fundamentais: aproveitar o que xa había, estimular o esforzo nun ámbito tecnolóxico moi concreto para configurar masa crítica nunha contorna global e traballar cóbado a cóbado co norte de Portugal”, explicou o responsable do grupo Rede. “Tiñamos claro que queriamos intensificar a nosa actuación nas actividades intensivas en coñecemento e identificamos como un aspecto absolutamente esencial a busca de sinerxías cos nosos irmáns portugueses”, engadiu Vázquez, quen se amosou “especialmente orgulloso” de como foi o proxecto.

Retos que van da dixitalización ao ecoturismo, pasando pola seguridade e a trazabilidade alimentaria

Estes 12 proxectos empresariais lanzados ao mercado son a cara máis visible dos resultados  de Sherpa do Mar. Son 12 proxectos emprendedores, valorizados e acelerados no programa Sherpa Journeys, de base tecnolóxica e que achegan solucións innovadoras ás necesidades actuais do ámbito mariño-marítimo. “Abarcan sectores diversos, como o acuícola, o portuario, o conserveiro ou o turístico e aplican tecnoloxías punteiras a retos como a dixitalización, o uso sostible de recursos, a seguridade, o ecoturismo ou a trazabilidade alimentaria”, apuntou a responsable do proxecto, Andrea Ogando, investigadora do grupo Rede, quen explicou que todos estes proxectos se presentaron esta mesma semana nunha xornada celebrada en Portugal.

O abano de empresas que saen ao mercado baixo o selo de Sherpa do Mar son Abzu, unha plataforma de operacións portuarias baseada na tecnoloxía blockchain que permite aforrar tempo e diñeiro nas operacións portuarias de forma pioneira. ActiveAlgae, onde traballan con algas pouco comúns para empregalas na industria cosmética sempre co obxectivo de minimizar o impacto ambiental. Basemar, firma que achega unha solución para sinalizar os viveiros de mariscos, unha baliza de sinalización marítima con fondeo ecolóxico. Pola súa banda, Bima permite dixitalizar e modernizar a metodoloxía de traballo dos sector marítimo-pesqueiro e Bioprana parte dun cóctel de microorganismos que aceleran a descomposición da materia orgánica e ofrece numerosas vantaxes á industria acuícola (menor impacto ambiental, maior sostenibilidade e benestar animal…).

De cara a evitar o impacto económico e medioambiental que causan os arredor de 1500 contedores que se funden cada ano nos mares e océanos, xurde Cobs, un dispositivo de localización instantánea que permite identificar estes contedores e evita o seu afundimento. Fish & Food Technology vai dirixida a mellorar a trazabilidade dos produtos da pesca, e Kersship, un novo motor propulsor para buques, permite unha maior autonomía enerxética, reduce as emisións e evita riscos de colisión. MytUniSex dedícase á produción intensiva de mexillón unisex todo o ano, de cara a satisfacer a demanda de mexillóns do xénero Mytilus, de gran valor comercial no mercado e moi apreciados polo consumidor.

A listaxe de empresas complétase con Sailing for Science, ecoturismo mariño baseado na sostenibilidade; Subgo, unha iniciativa que, apoiada na realidade virtual crea experiencias inmersivas nos fondos mariños, sempre da man da divulgación científica e a educación ambiental, e ValBioSea, dirixida a avaliar o potencial das algas invasoras presentes nas costas galegas e separar os seus compostos bioactivos para que poidan ser usados na industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica sen atentar contra a biodiversidade do medio mariño.

Múltiples recursos de apoio ao emprendemento e a transferencia

En canto aos recursos xerados, a responsable do proxecto explicou nesta xornada que se conseguiu achegarlle ao sector do mar “unha extensa diagnose da situación sobre as prácticas de emprendemento e intraemprendemento focalizado na creación de empresas de base tecnolóxica ou actividades intensivas en coñecemento”.  No ámbito do emprendemento, o maior logro foi, segundo Ogando, unha metodoloxía dinámica (Sherpa Journeys) de deseño de itinerarios adaptados ao proceso emprendedor de cada proxecto, sostida sobre un sistema de medición de indicadores e extrapolable a outras rexións e sectores. No caso específico da transferencia, o proxecto foi quen, a xuízo da súa responsable, de crear un mapa de coñecemento que pon en valor os recursos dispoñibles no ámbito científico-técnico facilitando a transferencia da academia ao ámbito empresarial e á sociedade. “Esta mapa compila máis de 100 rexistros de unidades de investigación da Eurorrexión dedicadas a áreas científicas relacionadas co mar”, explica Ogando.

Centrándose no que a promoción empresarial se refire, Sherpa do Mar creou unha ampla base de datos pública, que recolle máis de 60 proxectos emprendedores do ámbito mariño-marítimo. “É unha base de datos que favorece a visibilidade destas iniciativas e promove o emprendemento de alto valor engadido nun sector maiormente tradicional”, apuntou Ogando.

Valorando opcións que poidan dar continuidade a esta iniciativa

O  proxecto europeo Sherpa do Mar arrancou no verán de 2019 cun orzamento total de 997.184 € – inserido na convocatoria Poctep 2019- e nel participaron como socios, ademais da propia Universidade de Vigo, que exerceu como coordinadora: o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), as universidades de Santiago e da Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar. Unha vez rematado, desde o consorcio están a elaborar un plan de sostenibilidade no que se explorarán e valorarán diferentes opcións que poidan dar continuidade a esta iniciativa.

 

Fonte: DUVI



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X