Unha investigadora do CIM desenvolve ferramentas xenéticas para optimizar os stocks de pescada e bacallau

A procura de novas de especies cultivables é imprescindible para o desenvolvemento da acuicultura en Galicia, pero tamén é unha ferramenta para protexer determinados tipos de peixes que están sometidos a unha situación de sobre-pesca. Entre as alternativas para esta diversificación da acuicultura están a pescada ou o bacallau, especies que se atopan en diferentes niveis de desenvolvemento e nas que centrou a súa tese de doutoramento a investigadora do grupo ReXenMar do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo María Fernández Míguez.

A tese, dirixida polo profesor Pablo Presa (ReXenMar) e a investigadora Montse Pérez, do grupo AquaCOV do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), ten como obxectivo o desenvolvemento e aplicación de ferramentas xenéticas como estratexia metodolóxica para potenciar a optimización de stocks destas dúas especies pesqueiras. Para iso, centrouse na secuenciación xénica e a filoxenética molecular, a análise da expresión xénica e o desenvolvemento de marcadores EST, respectivamente para resolver situacións de incerteza filoxenética, a selección de proxenitores en cultivo e a caracterización de stocks pesqueiros.

Novas especies, novos desafíos

A diversificación das especies cultivables en acuicultura implica desafíos durante etapas temperás da vida, como a baixa supervivencia ou as malformacións, moitos deles debidos ao descoñecemento do manexo desas novas especies. No caso do bacallau atlántico (Gadus morhua), explica María Fernández Míguez, “o seu ciclo reprodutivo está pechado e existen varias empresas que teñen programas de produción de adultos e ovos para a súa comercialización, como a norueguesa Nofima a través do Cod breeding program, financiado polo ministerio noruegués. No que atinxe á pescada (Merluccius merluccius), “a redución da sustentabilidade das pesqueiras tras décadas de sobre-explotación e o impacto sanitario e comercial da infestación de Anisakis, fixo atractivo iniciar a domesticación desta especie”. A primeira posta espontánea en catividade logrouse en 2009 nas instalacións do IEO en Vigo, onde se mantiveron dous stocks de reprodutores ata 2016. Unha actividade de desova constante fixo posible a descrición do desenvolvemento embrionario da especie (Sánchez et al., 2012) e o desenvolvemento de dietas específicas para alimentación larvaria (Nande et al., 2017).

Na súa tese, Fernández Míguez propúxose desenvolver e aplicar ferramentas xenéticas como estratexia para optimizar os stocks de ambas especies. Así, respecto da pescada, a súa finalidade é coñecer mellor a súa xenética e reducir a súa sobre-explotación. Para iso centrouse na análise filoxenética, é dicir, do parentesco xenético, de todas as especies descritas de pescada, así como a aclaración da presencia de especies sinónimas ou morfotipos, é dicir, as variantes morfolóxicas da mesma especie. Outro dos obxectivos foi analizar o impacto da sobre-explotación pesqueira no tamaño poboacional da pescada europea para evitar a perda de adaptación ao cambio no ambiente, por exemplo, á subida de temperatura polo cambio climático, usando mostras dos rexistros históricos pesqueiros do Instituto Oceanográfico de Vigo (1975-2014). A súa investigación tamén abordou a análise da orixe das diferencias entre as poboacións atlántica e mediterránea de pescada europea con marcadores xenéticos, ao tempo que se centrou en ampliar o coñecemento sobre a influencia dos factores maternais na calidade do ovo en bacallau atlántico na empresa Nofima na cidade norueguesa de Tromsø e no Instituto Oceanográfico de Vigo. A investigadora explica que os avances no cultivo desta especie, próxima á pescada, permiten coñecer os factores que fan que un ovo sexa de “boa calidade” e, polo tanto, a súa supervivencia sexa alta durante o cultivo.

As dúas especies aínda mostran altas mortalidades nas etapas primarias facendo que o custe sexa maior que o beneficio. Por iso varios grupos de investigación están centrados na mellora da calidade do ovo e a supervivencia das larvas así como a selección dos reprodutores que dean mellores postas.

Conclusións

Sobre as conclusións da súa investigación, Fernández Míguez detalla que no que se refire ao avance filoxenético no xénero Merluccius, “as árbores filoxenéticas obtidas indican que Merluccius angustimanus (norte do golfo de California) puido resultar da hibridación entre M. productus e M. gayi hai uns 0,25 millóns de anos. Tamén indicaron que os cinco morfotipos raros do Pacífico Sur terían unha orixe híbrida entre M. australis e M. gayi. Polo tanto, non se pode definir ou reivindicar ningunha nova pesqueira baseándose soamente en morfotipos raros.

No que se refire aos escenarios estruturais nas pesqueiras europeas de pescada, empregáronse diferentes tipos de marcadores xenéticos orientados a diferentes obxectivos, é dicir, marcadores direccionais para identificar patróns remanentes de selección e episodios de deriva extrema, marcadores equilibrados para determinar a novidade evolutiva actual e o potencial adaptativo para a sustentabilidade da pesca, e marcadores neutros para analizar a dinámica demográfica de relevancia xenética para a xestión pesqueira.

No capítulo centrado no tamaño xenético efectivo da poboación sur da pescada, a investigadora explica que “o stock sur está formado por un só acervo xenético que foi erosionado cun máximo de sobre-explotación en 1991-1995. O comezo da recuperación do stock despois de 2005 probablemente foi reforzado polas políticas pesqueiras da UE, mais tamén pola migración entre caladoiros que xa fora descuberta por esta equipa de investigación en 2011. Non obstante, non se espera que esa recuperación sexa completa despois de episodios de sobre-pesca sostida. A valoración baseada unicamente en modelos demográficos subestima seriamente a erosión xenética que opera sobre o potencial reprodutivo do stock. A incorporación de diferentes fontes de datos e controis xenéticos daría lugar a unha avaliación biolóxica máis realista e pode permitir avaliar os riscos de extinción por factores xenéticos.

Finalmente, no que respecta á expresión xenética temperá e calidade dos ovos de bacallau atlántico, Fernández Míguez constatou que existe unha expresión diferencial entre as etapas do desenvolvemento do bacallau atlántico, sendo esencial a transición da transcrición materna á zigótica. Tamén se observou a variación na expresión dos xenes durante a época de desova (prodúcese durante primavera e poden obterse varias postas que varían na súa calidade). Polo que hai que ter en conta o período de posta para reducir os custos de produción escollendo os períodos de maior calidade. Este estudo suxire que o coñecemento da base molecular da calidade dos ovos é unha liña de investigación aplicada de máxima relevancia para o sector acuícola.

Aplicacións

Estes resultados axudarán a avanzar en diferentes eidos. Así, o coñecemento das especies existentes de pescada e a presencia de morfotipos pode ser empregado en relación co fraude comercial, é dicir, na venda de especies próximas, así como o axuste da lexislación de pesca de cada especie. En segundo lugar, o coñecemento da composición dos stocks de pescada permite protexer a especie da sobre-pesca, axustando as cotas tendo en conta a recuperación da especie baseándonos nos datos históricos rexistrados no Instituto Oceanográfico de Vigo. Por outro lado, o coñecemento dos factores que están afectando a calidade dos ovos de bacallau e pescada, abre as portas para conseguir un cultivo que fose máis eficiente e así reducir os custos do mesmo.

Vía:DUVI



Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.

X