Grupos do CIM súmanse á conmemoración do Día internacional da muller e da nena na ciencia

“O noso obxectivo é atoparvos nas aulas e nos laboratorios, primeiro como alumnas e logo tamén como docentes, non podemos roubarlle á sociedade a metade do seu talento”. Así de rotundo se amosou este luns o reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa no acto de benvida a un grupo de alumnas que participaron na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nas Xornadas conmemorativas  do 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data que trouxo ata o campus un cento de alumnas de terceiro e cuarto de Ensino Secundario Obrigatorio de catro institutos da contorna viguesa.

Baixo o título xenérico de Elas fan CienTec e por terceiro ano consecutivo, un grupo de investigadoras sénior, coa colaboración e implicación de alumnas de diferentes titulacións e da Unidade de Igualdade, organizaron múltiples obradoiros cos que chamar a atención destas mozas e ir espertando nelas o desexo de dedicarse a algunha destas tarefas no futuro. “É unha idea que partiu de xeito espontáneo das investigadoras consolidadas, unha especie de iniciativa solidaria interxeracional coa que pór un gran de area para loitar contra as brechas de xénero”, recalcou a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, que amosou o seu interese en que a iniciativa siga medrando en vindeiras edicións.

Xunto ao reitor e a directora da Unidade de Igualdade, deulles a benvida a docente Soledad Torres, coordinadora dos talleres neste centro. “Precisamos da vosa visión da ciencia e a tecnoloxía e que sexades vós mesmas as que contribuades a crear esa ciencia e esa tecnoloxía que tanta falta nos fai”, subliñoulles Torres, unha das principais impulsoras desta iniciativa. “Albiscamos con bastante sorpresa a falta de vocacións científicas e, especialmente, tecnolóxicas, das mulleres. Tendes que ser conscientes de que sodes quen, sodes tan capaces ou máis ca os homes”, insistiulles o reitor que tamén aludiu á falta de talento feminino en postos de responsabilidade, algo que agarda vaia mudando. “De momento aínda son poucas as mulleres reitoras pero isto ten que ir mudando e eu agardo que dentro de pouco a metade dos cargos universitarios estean ocupados por mulleres”, recalcou o reitor. “O que precisamos é non perder talento, nestes intres titulacións como Enxeñaría Informática, Industrial, de Telecomunicación, Aeroespacial… que teñen un futuro brillante e nas que vai haber moito emprego de calidade están a perder cada vez máis pulo entre o público feminino, algo que nos sorprende terriblemente porque son profesións nas que non hai unha contorna en absoluto negativa no que a cuestións de xénero se refire”, recalcou o reitor.

Desde o punto de vista de Vitoria Alonso, docente de Tecnoloxía no IES Rosais I, o verdadeiro problema da falla de vocacións non se produce tanto no mundo das ciencias como no das tecnoloxías, algo que achaca sobre todo a falla de contacto das nenas co mundo da tecnoloxía ata que xa son demasiado maiores. Desde o seu punto de vista, “a Tecnoloxía é unha materia que so se imparte de xeito obrigatorio en segundo e terceiro da ESO, polo que ata que teñen 13 ou 14 anos nunha tiveron ningunha materia técnica, mentres que desde cativas están dando contidos relacionados coas ciencias e a bioloxía”.

Nesta escola organizáronse dous obradoiros, un de programación de robots Lego Mindstorm e outro no que se retaba ás mozas participantes a programar un pequeno videoxogo. Organizadas en pequenos grupos todas as alumnas pasaron polos dous obradoiros. Entre estas participantes estaban Soraima Pacini, Laura Cascallana, Eva Collazo, Laura Andreu e Sheila Núñez, alumnas de 3º da ESO do IES Rosais I. “Queremos ver que tipo de cousas se fan nestas carreiras para ver se nos gustan para cando teñamos a oportunidade de estudalas”, comentaba Collazo intres antes de iniciar o obradoiro. No caso de Cascallana ela teno claro, “a min o que me gustaría estudar é Enxeñaría Aeroespacial”. O resto das súas compañeiras aínda non o teñen claro: Química, Xornalismo, Belas Artes… son algunhas das alternativas.  “Hai moitas portas abertas, o difícil é elixir”, comentaba outra alumna.

No Edificio de Ciencias Experimentais e no Cinbio organizáronse tamén múltiples obradoiros. Neste caso coordinou as actividades a profesora Verónica Salgueiriño, do Departamento de Física Aplicada. “A min chegoume esta iniciativa, xa coñecida a nivel internacional, hai tres anos e pareceume realmente interesante porque sí que é certo que temos un déficit de rapazas nas ciencias, en gran medida debido a que a sociedade oriéntaas cara outros ámbitos”, explica a docente. “É importante facerlles chegar este tipo de iniciativas para que vexan que non van ter ningún problema se deciden orientar a súa carreira á ciencia”, recalcou Salgueiriño, quen tamén incidiu na importancia de que canto máis cedo se inicien neste tipo de actividades moito mellor. “É moi difícil que a estas  idades saiban o que queren ser, pero polo menos que teñan un pilar no que apoiarse para tomar a decisión da súa vida”, recalcou a investigadora.

Na Escola de Enxeñería Industrial este foi o segundo ano que organizaron os talleres. “A verdade é que as rapazas están moi animadas e, con respecto ao ano pasado, modificamos a programación dos obradoiros para facelos o máis prácticos posible”, explicou a profesora Ana Mejías, coordinadora no centro destes talleres. “Este ano démoslle unha volta e puxemos o maior peso nas presentacións das aplicacións e en traballar dun xeito simple coas tecnoloxías para que vexan que todo isto se consegue coa base da enxeñaría”, recalcou Mejías. Termografía infravermella, deseño e prototipado 3D e o proxecto Formula Student, foron as temáticas centrais destes talleres. “Son nenas de 3º da ESO que están no momento xusto de elixir entre ciencias ou letras e non ter moi claro o abano de estudos que poden valorar fai que moitas veces se mergullen directamente nunha rama concreta simplemente por descoñecemento”, recalcou a subdirectora do centro.

O Centro de Investigación Mariña da Universidade sumouse tamén a esta celebración coa visita dun grupo de alumnas do IES Vilalonga, que asistiron primeiro a unha conferencia de Alba Sousa, responsable de comunicación da Asociación Faraxa pola abolición da prostitución e colaboradora do proxecto de sensibilización “proxecto Iguala na Diferencia: unha cuestión de Xustiza Social”, e logo a unha visita guiada polas técnicas que traballan neste centro. A maiores, tiveron tamén a oportunidade de coñecer que están a levar a cabo as investigadoras Estefanía Paredes, do Laboratorio de Criopreservación;  Tania Tato, do grupo Ecotox, e Tania Ballesteros, que lles explicou o proxecto de estudo da bioloxía do carallo de mar.

Na súa estancia na ECIMAT, os alumnos coñeceron e comprenderon o silencio que moitas investigadoras sufriron ao longo da historia, a situación actual das mulleres no mundo laboral e na ciencia en particular e reflexionaron sobre a igualdade de oportunidades, o teito de cristal, e os prexiuzos que aínda temos que combater día a día, tanto mulleres como homes, para mellorar a situación social e laboral e poder traballar por unha ciencia sen diferenzas.

Fonte: DUVI



Web y subwebs financiadas por:

Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X