14 Mar O CIM e as confrarías de Vigo e Cangas avanzarán na optimización do cultivo integral do ourizo de mar
Entre 2019 e 2021 a Universidade de Vigo e a confraría San Xosé de Cangas traballaron nun proxecto para mellorar o cultivo do ourizo de mar, Paracentrotus lividus, con financiamento do programa Pleamar da Fundación Biodiversidad. O seu obxectivo era implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e de repoboación do ourizo de mar así como a recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas. Como froito deste traballo, o equipo de investigación, liderado polo director da Ecimat, José Manuel García Estévez, obtivo 50.000 exemplares cos que o pasado verán repoboaron unha zona da costa de Cangas do Morrazo. Agora, medio ano despois, as e os investigadores do CIM poderán continuar con este estudo ao abeiro do proxecto Ocimer+, unha ampliación de oito meses de duración do proxecto orixinal, tamén financiada polo programa Pleamar, á que se une a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo.
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acolleu este venres a presentación deste novo proxecto, cuxo obxectivo é obter información clave para o correcto desenvolvemento do cultivo e para a xestión e a conservación desta especie. Ocimer+ presenta un enfoque integrador no que se abordan “aspectos de nutrición, xenética, sanidade e criopreservación, así como o estudo do comportamento da especie ante as alteracións provocadas polo cambio climático”. Como explica a xestora do proxecto, Sira Pereira, trátase de “darlle continuidade ás accións relacionadas co cultivo e coa criopreservación”, que se abordaron no proxecto previo, pero engadindo outras dúas novas liñas de investigación: patoloxía e xenética”. O proxecto desenvolverase ata o mes de outubro e implica varios grupos de investigación do Centro de Investigación Mariña da UVigo que se centrarán en cinco especies de ourizo presentes na ría de Vigo.
Os obxectivos específicos pasan por obter información sobre as patoloxías e as enfermidades parasitarias no ourizo de mar; avaliar o nivel de diversidade xenética e illamento reprodutivo de cinco especies de ourizo de mar que viven nas costas galegas; determinar os parámetros óptimos na fase de asentamento larvario de P. lividus e implementar dietas de engorde que incrementen o seu índice gonadal, así como o seu período de comercialización en Galicia e promover a conservación de especies autóctonas de Galicia mediante criopreservación, susceptibles de reprodución en catividade. Tamén traballarán na avaliación do estado das poboacións repoboadas no proxecto previo e na continuidade da colaboración na xestión de poboacións en perigo de sobreexplotación coas confrarías da ría de Vigo.
Un proxecto que aposta pola transferencia directa ao sector
No acto de presentación participaron o director da Ecimat, José Manuel García Estévez e o director del Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas. O primeiro deles, investigador principal do proxecto, fixo fincapé nas capacidades de investigación e transferencia da Ecimat e do CIM e lembrou que “todos os beneficios que nos provén os océanos só se poden manter se estes se conservan sans, e isto pasa por coñecer como funcionan, entender como lles afectan as actividades humanas e establecer medidas de xestión baseadas en criterios científicos”. É nesta visión na que se encaixa Ocimer+, un proxecto que, recalcou, “representa un compromiso dos investigadores coa cidadanía” para transferir o coñecemento á sociedade e aos sectores produtivos, algo no que tamén incidiu Fernández Bouzas, que destacou que é “un proxecto real, transferible, integrador e que busca dar solucións a un problema real”, que é a conservación e sostibilidade desta especie. Apuntou que a semana pasada en Aguiño o ourizo vendeuse a 15,60€/kg e isto pode implicar que as confrarías aposten por” reducir as cotas para conservar estes prezos”, o que sería unha boa nova para este recurso, que está en risco de sobreexplotación. Tamén recalcou o responsable do parque nacional un aspecto do proxecto que considera esencial, que é que se contempla contar cun biobanco desta especie para facer fronte, por exemplo, a unha catástrofe ecolóxica, como un vertido, que requirise dunha repoboación dos exemplares.
Tras a presentación da iniciativa, detalláronse, un a un, os bloques de traballo do proxecto. Sira Pereira, técnica de xestión do proxecto achegou unha visión xeral do mesmo, e avanzou que está previsto un plan de mostraxes bastante amplo, cunha campaña ao mes entre marzo e xullo, nas que se recollerán mostras tanto de adultos como de xuvenís. A primeira mostraxe tivo lugar esta mesma semán e levouse a cabo en Cíes, en Cangas, no Berbés e na contorna de Toralla.
Ocimer vs Ocimer+
O responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños da Ecimat-CIM, Damián Costas, fixo un balance dos resultados do proxecto inicial, Ocimer, e tamén avanzou algunhas das accións que se levarán a cabo nesta nova etapa. Recalcou que a parte xa finalizada da investigación permitiu estandarizar o cultivo larvario do ourizo, cun índice de supervivencia por riba do 50% e chegando ao 76% como mellor dato. Neste eido tamén se traballou na optimización de parámetros de cultivo e os efectos do cambio climático, con probas relacionadas coa temperatura, a salinidade, o pH, a luz, a dieta, etc. Nesta nova etapa, os investigadores realizarán “experiencias en condicións extremas destes parámetros co obxectivo de concretar o rango dentro do cal o Paracentrotus lividus podería sobrevivir” e farano non só con larvas, senón tamén con recrutas, como indicaba Damián Costas.
Outro eido no que se vai continuar avanzando será no de preengorde. Se na primeira etapa se traballou na fabricación e ensaio de pensos experimentais, agora tratarán de mellorar estes produtos, para que manteñan as súas propiedades en bo estado o maior tempo posible, maximizando así o crecemento dos exemplares ata a talla de solta. Ademais, tamén se fixou como obxectivo “deseñar dietas específicas que permitan obter valores elevados do índice gonadal na época de verán”, o que permitiría comercializar esta especie fresca nos meses estivais, xa que ata agora a temporada remata sobre abril. Ademais, tras a campaña de repoboación con 50.000 exemplares do pasado verán, volverase a realizar outra experiencia similar, e avanzarase tamén coas actividades de criopreservación.
A xornada de presentación completouse coa intervención de Fabio Fernández, técnico de investigación en Parasitoloxía abordou a estado zoosanitario das poboacións de ourizo de mar, mentres que Marina Parrondo analizou a caracterización xenética das especies de ourizo de mar máis comúns en Galicia. Pechou a presentación a estudante de doutoramento Sara Campos que se entrou na criopreservación de especies autóctonas.
vía:DUVI