Ante o Día dos Océanos 2020. Por Daniel Rey

O próximo 8 de xuño celébrase o Día dos Océanos. Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo e do Campus do Mar, achega unha serie de reflexións sobre os retos de futuro que debemos afrontar.

 

O 8 de xuño celebraremos o Día Mundial dos Océanos. Cada vez somos máis conscientes da importancia e potencial económico dos océanos e de toda a industria marítima, hoxe agrupada baixo o impulso da denominada economía azul. O Día Mundial dos Océanos deste ano alenta o movemento global 30 x 30 que pide aos líderes mundiais que protexan polo menos o 30% dos nosos océanos a través dunha rede de áreas altamente protexidas na procura dun modelo de protección que asegure o difícil equilibrio dos ecosistemas oceánicos. Na actualidade, e segundo os datos do Centro Mundial de Vixilancia da Conservación (CMVC) do Programa da ONU para o Medio Ambiente (PNUMA), tan só un 1,6% dos océanos estaban legalmente protexidos no 2010.

Os océanos ocupan máis do 70% da superficie da terra. A sensación de que o seu inmenso volume constitúe unha extensión ilimitada e indomeable de auga está fortemente arraigada na conciencia colectiva. Incluso oceanógrafos e científicos mariños vemos o océano como un volume infinitamente vigoroso e brutal, gobernado unicamente polas leis fundamentais do universo, tecnoloxicamente inalcanzable, a derradeira fronteira do noso planeta. Inabordable a escala humana.

Impulso da economía azul

Pero é esta percepción fundamentada? Segundo a Comisión Europea, a economía azul da UE representa 5.4 millóns de empregos e un valor agregado bruto de pouco menos de 500 mil millóns de euros anuais. Os principais sectores de actividade son, tanto industrias tradicionais como o transporte de mercancías por vía marítima (o 90% do comercio intercontinental), as pesqueiras (1% do total do PIB na UE) e a explotación de gas e petróleo (sobre o 50% é extraído offshore);  como novas áreas económicas cun rápido crecemento, como a acuicultura (20% da produción pesqueira na UE con unha taxa de crecemento do 7% anual, fronte ao estancamento das pesqueiras), o turismo marítimo e costeiro (a actividade sectorial marítima máis importante da UE achegando 182 millóns de euros de valor agregado bruto e representado un térzo de toda a economía azul), ou os aínda incipientes campos da biotecnoloxía, a enerxía oceánica e a minaría mariña.

A importancia de toda esta actividade económica dá lugar á adopción en 1982 da Convención da Lei do Mar na ONU. Esta normativa, subscrita inicialmente por 160 nacións soberanas, regula o uso e establecemento de mecanismos de adquisición de propiedade e de seguridade xurídica que permitan o desenvolvemento económico dos recursos en alta mar. Este feito singular iniciará o plan de colonización e extensión territorial máis importante, e máis pacífico, da historia da humanidade. Ao seu abeiro España presentou no 2009 tres propostas de extensión da plataforma continental máis aló das 200 millas e ata o máximo de 350  no  mar Cantábrico, Galicia e illas Canarias. Isto suporía un aumento de case o 85% da superficie emerxida do noso territorio ás areas somerxidas adxacentes á costa. España tería dereitos sobre os recursos naturais dos fondos mariños da zona ampliada.
Como conciliar pois a economía azul depositaria de grandes esperanzas e prosperidade na capacidade de desenvolvemento económico e social do mar coa necesidade de protección dos ecosistemas oceánicos máis sensibles e á vez fonte dunha parte importante da súa riqueza?

“Galicia posúe o potencial científico necesario para impulsar as ciencias e as tecnoloxías do mar”

Máis investigación e maior coordinación entre administracións. Galicia posúe o potencial científico necesario para impulsar e dinamizar a investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento excelente nas ciencias e tecnoloxías do mar.  E é quen tamén de proporcionar á industria as ferramentas que melloren a súa competitividade a escala global á vez que se investigan, identifican e inventarían os elementos que precisen medidas específicas de conservación e poidan declararse como de interese comunitario dentro da notable diversidade xeomorfolóxica, oceanográfica e bioxeográfica da nosa costa.

A este respecto, o Pacto Verde Europeo presentado o pasado 20 de maio pola Comisión Europea sinala dúas accións principais: a Estratexia da UE sobre a biodiversidade, baixo o lema ‘recuperando a natureza nas nosas vidas’, e un programa fortemente aliñado coa Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, a estratexia ‘Da Granxa ao Prato’ (Farm to Fork F2F) orientado a crear na UE o sistema alimentario máis saudable e sostible do mundo. Estas accións materializan unha incipiente vontade de reconstrución europea antes do Brexit e a crise do coronavirus e abren unha oportunidade para abordar algúns dos problemas que afectan ás crises da biosfera e do clima. Haberá máis e máis importantes.

É o momento de materializar no ámbito da ETEA o espazo que acolla toda esta capacidade e favoreza as sinerxías entre as universidades, institutos tecnolóxicos e os centros rexionais do CSIC e o IEO, hoxe maioritariamente agrupados no Campus do Mar. A que esperamos para desenvolver neste territorio ligado económica e socialmente ao mar un gran centro de referencia internacional?



Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

X