03 Jun O Campus do Mar colabora con Afundación nun ciclo de conferencias para conmemorar o Día Mundial dos Océanos
Co gallo da celebración do Día do Medioambiente (ODS 13: Acción polo clima) que se celebrará o 5 de xuño, e o Día dos Océanos, 8 de xuño (ODS 14: Vida submarina), Afundación lanza o proxecto «Semana del Medioambiente y los Océanos» a través do cal potenciarán un modelo de educación transformadora asentado na innovación, internacionalización e multiculturalidade, sostibilidade e boas prácticas. Neste senso, articularán ese proxecto que ten por obxectivo concienciar, movilizar e unir á sociedade respecto á acción ambiental e a xestión sostible dos océanos. O mes de xuño estará adicado íntegramente ó medioambiente e os océanos e organizaran un ciclo de conferencias e mesas redondas virtuais https://bit.ly/30a3pmN no que colaborará o Campus do Mar e investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
Grazas a colaboración do Campus do Mar con Afundación, tres xoves promesas do Centro de Investigación Mariña van dar a coñecer o seu traballo dun xeito divulgativo e animado grazas a tres relatorios dirixidos a todo o público. O primeiro deles terá lugar o martes, 9 de xuño e correrá da man de Alberto Gutiérrez, investigador predoutoral do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-Uvigo. Alberto nos fará viaxar ata o mar para darnos un baño e mentras tanto pensar sobre a diversidade que nos rodea; algas, caranguexos ou mesmo mexilóns….pero…alguén se parou a pensar que diversidade pode haber na mesma auga de mar? Escoitastes falar dos microorganismos e…sabedes cantos miles de microorganismos pode haber nun mililitro de auga de mar? E cantos deses microorganismos son bacterias? Darémoslle resposta a todas esas cuestións o vindeiro 9 de xuño ás 18.00 h.
Uns días máis tarde, o martes, 23 de xuño á mesma hora, Luis Paulo Alcaraz, investigador predoutoral tamén do Grupo de Oceanografía Biolóxica do Cim-Uvigo, vainos falar do importante rolo que xoga o fitoplancton no cambiamento climático. O fitoplancton é o principal productor primario dos ecosistemas mariños, producindo ó redor do 50% do osíxeno do mundo a través do proceso de fotosíntesis. Paulo vai compartir connosco o seu traballo centrado en estudar a capacidade de resposta do fitoplancton fronte os cambios ambientais inducidos pola actividade humana, un aspecto clave para comprender as futuras repercusións sobre como funcionan os ecosistemas mariños a nivel global.
Por último, Tania Ballesteros pechará o ciclo de conferencias cunha presentación o martes, 30 de xuño ás 18.00 h. Ela nos falará do cogombro ou tamén chamado «carallo de mar». Faremos un repaso sobre as características externas deste animal mariño e que como di a relatora «non ten nada que envidiar ós modelos 60-90-60», e tamén falaremos dos seus superpoderes, dos tipos de reproducción que teñen estes organismos e coñeceremos algunhas das curiosidades que lles rodean.
Agardámosvos! Podedes seguir os relatorios online a través de www.campusdomar.gal