09 Feb Un videoxogo achegará as novas xeracións á problemática do cambio climático no medio mariño
O CIM lidera o proxecto Misión Azul en colaboración con atlantTTic e CCSS e da Comunicación
Os océanos cobren o 70% da superficie terrestre e o seu papel como subministradores de recursos e mantemento do benestar da sociedade é incuestionable. Non obstante, o cambio climático está a provocar unha subida da temperatura superficial da auga, un aumento do desxeo e fenómenos extremos cada vez máis intensos e frecuentes, o que se traducirá en enormes custos para a economía mundial e na mingua da capacidade dos países de producir alimentos. Neste contexto, as achegas da investigación mariña ao coñecemento do cambio climático e os seus efectos son clave na implementación de medidas de adaptación e estratexias encamiñadas a reducir a vulnerabidade e acadar un desenvolvemento sostible.
Ante este desafío, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo en colaboración con atlanTTic e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra poñen en marcha Misión Azul, un proxecto de alfabetización científica mariña e de formación do profesorado. “Trátase de dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos e por extensión a toda a sociedade. Un obxectivo particular é promover as vocacións STEM espertando a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver, proporcionando tamén unha serie de ferramentas didácticas que acompañen a quen se encarga da súa educación”, salienta Daniel Rey, director do CIM-UVigo.
O proxecto, financiado con 27.500 euros pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, “permitirá tamén trasladar á sociedade temas de gran relevancia e impacto social a través de ferramentas innovadoras en educación científica en materia de cambio climático no ámbito mariño, empregando como modelo un espazo mariño protexido”.
Videoxogo e unidades didácticas
Un equipo multidisciplinar fusionará as TIC, as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica para crear “un videoxogo interactivo de alta calidade que aborde a realidade do impacto que o cambio climático ten nos océanos”. Da man da ‘Dra. Mar’, as persoas usuarias serán os e as protagonistas da aventura poderán interactuar cun ecosistema mariño protexido e ir superando misións e problemas reais de ameaza e estrés do ecosistema mariño usando ferramentas que poden conseguir ou construír. “Achegar videoxogos e contidos didácticos é unha combinación moi motivadora para os rapaces e rapazas, o profesorado e as familias. Sobre todo cando se prantexa un videoxogo que non ten por que semellar infantil de aspecto, e que podes gozar teñas a idade que teñas. Por suposto, é idóneo para achegar a ciencia aos máis pequenos e pequenas, promovendo vocacións científicas e incrementando a cultura científica en xeral, tan necesaria neste mundo de bulos e falsas verdades”, explica Antonio Pena, investigador de atlanTTic.
O videoxogo complementarase con dúas unidades didácticas dirixido ao profesorado de primaria sobre os sete principios básicos da alfabetización oceánica, os efectos do cambio climático sobre o océano e o papel da investigación na súa prevención, mitigación e xestión. “Estas unidades permitirán afondar máis nos contidos e converteranse en poderosas ferramentas para que o persoal docentes dos centros educativos poidan desenvolver sesións específicas nas súas aulas de xeito motivador sobre un dos maiores desafíos actuais do planeta e a humanidade”, asegura Beatriz Legerén, docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O equipo contará para a adaptación didáctica dos contidos científicos desenvolvidos co asesoramento continuo de persoal docente e investigador e de Alberto García, docente cunha ampla experiencia na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo e representante da Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECE), que aglutina a 600 cooperativas de ensinanza e centros educativos de economía social a nivel estatal con máis de 277.000 alumnos e alumnas e 175.000 familias.
Unha iniciativa multidisciplinar
Misión Azul é un proxecto innovador ao fusionar catro disciplinas tan diferentes como as TIC, as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica, achegando un equipo composto por persoal investigador do especialista en cambio climático, en TIC e en comunicación audiovisual, didáctica das ciencias e creación de contidos. Aínda que videoxogo e unidades didácticas están dirixidas principalmente a escolares e docentes de educación primaria de toda España, con especial fincapé no alumnado de 5º e 6º, os contidos serán adaptados para poder ser empregados por outros sectores da educación ambiental, por outros colectivos alleos á divulgación científica ou polo público xeral.
Con esta iniciativa tamén se conmemora o inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030, co que se pretende consolidar unha nova xeración de oceanógrafos e técnicos mediante a creación de novas redes de investigación e unha nova xeración de sistemas de observación mellorados, instalacións e infraestruturas, que axudarán aos países a acadar a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
A actividade investigadora e divulgadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI