26 Out 150 persoas mergúllanse na investigación mariña do CIM
Nas xornadas de portas abertas celebradas este venres e sábado. As prazas esgotáronse en dous días
A ciencia mariña de vangarda que desenvolven os grupos Centro de Investigación Mariña traspasou esta fin de semana as portas dos laboratorios para proxectarse á sociedade e dar a coñecer os diferentes eidos do coñecemento nos que traballan. Esta fin de semana 150 persoas participaron nas actividades deseñadas dentro do programa Divulgando Ciencia Singular, unha proposta na que participan os cinco centros de investigación do campus de Vigo entre os meses de outubro e novembro. O CIM foi o máis madrugador e deseñou unha serie de actividades tanto no campus, como na Ecimat e na propia ría de Vigo que tiveron o venres e o sábado.
Actividades en catro localizacións
Como referente na xeración, transferencia e divulgación do coñecemento sobre o ecosistema mariño e costeiro e o coñecemento azul, o CIM apostou por un programa de actividades que permitise amosar todo o seu potencial investigador. Así, o venres tiveron lugar unha serie de visitas guiadas no campus, en concreto ás instalacións dos grupos de investigación do CIM no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia.
O sábado as actividades trasladáronse á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e á propia ría, xa que as persoas inscritas saíron do peirao de A Laxe nun barco que os deixou na Ecimat, a principal infraestrutura de investigación do CIM. Durante tres horas puideron gozar da combinación de diferentes experiencias, dende o traxecto no barco-aula no que aprenderon cuestións interesantes sobre a ría de Vigo e descubriron o funcionamento dun robot subacuático ata a visita aos laboratorios, salas de cultivos, etc.
As prazas, esgotadas en dous días
Dende a organización valoran moi positivamente a resposta da cidadanía a este convite para coñecer a investigación mariña que se desenvolve na UVigo e, de feito, as prazas ofertadas, “enchéronse en apenas dous días, o que dá unha idea do interese da xente por este tipo de propostas divulgativas”. Todas as actividades tiveron unha grande acollida, destacan dende o CIM, “e unha gran resposta por parte da xente, que participou de xeito moi activo nas visitas, interesándose moito polo que se está a realizar no CIM” e, de feito, moitas das persoas participantes xa tiñan asistido a edicións anteriores deste tipo de propostas divulgativas.
Agora queda por diante unha nova cita, o día 29, pero desta volta no campus de Ourense, para coñecer o grupo de investigación EPhysLab, pertencente ao CIM. A visita terá lugar entre as 12.00 e as 12.40 horas e a inscrición está aberta.
Fonte: DUVI