A bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras

Un novo estudo, publicado o pasado 7 de abril pola revista Nature Geoscience, demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia deste artigo radica en que ata agora, a comunidade científica tiña demostrado que eran os ventos e as mareas os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. Así, os resultados desta investigación, que tamén se recollen nunha pílula divulgativa dispoñible en inglés e en galego, constitúen a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente. É o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas.

Neste estudo, un equipo internacional composto por varias institucións de investigación, entre elas o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology, estivo quince días vixiando as turbulencias da auga na ría de Pontevedra, concretamente na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018. Estas observacións xurdiron de forma “totalmente fortuíta”, explica Beatriz Mouriño, investigadora principal do proxecto Remedios no que se enmarca este estudo, xa que a campaña oceanográfica tiña como obxectivo estudar como afecta a turbulencia á vida mariña, pero “acabamos demostrando que a vida mariña pode influír na turbulencia oceánica, que á súa vez inflúe na vida mariña!”. Esta investigación arrancou cando o equipo científico observou como durante esas dúas semanas de campaña, cada noite se incrementaba a turbulencia na auga. Empregando un perfilador de microestruturas constataron que “dende o anoitecer ata o amencer, as medidas indicaban que, baixo os nosos pés, desde uns 10 a 30 metros de profundidade, se estaba a producir unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano”, explica Beatriz Mouriño.

Utilizando a información acústica da ecosonda montada no casco do barco e as mostras recollidas con redes, o equipo de investigación puido atribuír esta turbulencia á presenza de cardumes que se concentraban pola noite na zona. De feito, as redes estaban cheas de ovos de bocarte ou anchoa europea, Engraulis encrascicolus, o que evidencia que o sinal corresponde a agregacións de desova deste peixe que, co seu comportamento frenético, xera a bioturbulencia.

A estratificación das rías, a clave

“Cremos que a mestura biolóxica foi intensa nas nosas observacións porque as rías están moi estratificadas: a temperatura e outras propiedades experimentan cambios moi importantes a diferentes profundidades”, explica o doutor Bieito Fernández Castro, investigador da Universidade de Southampton e primeiro autor do artigo. De feito, como relata o científico, “os estudos anteriores suxiren que a turbulencia biolóxica causa pouca mestura porque o movemento circular da auga que xeran os peixes mentres nadan é demasiado pequeno. Isto é certo no océano aberto, onde os cambios de temperatura ocorren en decenas de metros. Non obstante, os nosos datos mostran que máis preto da terra, onde os cambios ocorren nun intervalo de profundidade moito menor, as anchoas son capaces de xerar mestura”.

Así, este estudo revela que, aínda que a mestura biolóxica pode non ser moi importante no océano aberto, si pode ser significativa nos ecosistemas costeiros, onde unha elevada produción biolóxica coexiste con cambios verticais rápidos nas propiedades do océano. A mestura vertical creada polos bancos de peixes podería afectar á redistribución da temperatura, nutrientes e gases disoltos, como o osíxeno, que xogan un papel fundamental no funcionamento do ecosistema do que dependen os propios peixes. Polo tanto, os achados destacan a capacidade dos organismos vivos para influír e remodelar o medio físico onde viven.

O artigo está asinado por Bieito Fernández Castro, de Universidade de Southampton, como primeiro autor, xunto cos investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña; Marian Peña, do Centro Oceanográfico de Baleares (IEO, CSIC); Enrique Nogueira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC); Miguel Gil Coto, do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); Damien Bouffard, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology e Alberto C. Naveira, da Universidade de Southampton.

 

Fonte: DUVI



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X