10 Abr Campus do Mar apoia ao CIM na posta en marcha da Rede Galega de Escolas Azuis no CEIP Ría de Vigo
O Campus do Mar acompaña ao Centro de Investigación Mariña (CIM) na creación da Rede Galega de Escolas Azuis, unha iniciativa pioneira que busca reforzar a presenza da cultura oceánica no sistema educativo galego e achegar o coñecemento científico á cidadanía máis nova.
Esta rede nace co obxectivo de impulsar a alfabetización oceánica en centros de ensino e facilitar a súa adhesión á Network of European Blue Schools (NEBS), unha iniciativa promovida pola Comisión Europea no marco da coalición EU4Ocean e coordinada pola European Marine Science Educators Association (EMSEA). A través desta certificación, recoñécese oficialmente o labor das escolas que integran o mar como eixo transversal nos seus proxectos educativos, fomentando a concienciación ambiental e a conexión co medio mariño.
A presentación oficial da Rede tivo lugar no CEIP Ría de Vigo, centro xa inmerso no proceso de certificación europea. O acto incluíu a inauguración dun novo laboratorio de experimentación ambiental, que permitirá ao alumnado investigar directamente sobre os ecosistemas locais, así como unha feira científica na que se compartiron proxectos escolares exemplares e experiencias inspiradoras como o Proxecto Mar do CEIP Sabarís ou o RiaMarLab do propio centro anfitrión.
Durante a xornada participaron tamén representantes das entidades colaboradoras do consorcio promotor da Rede Galega de Escolas Azuis, como o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, a Autoridade Portuaria de Vigo, 13 Grados e NorthWind, entre outras.
Desde o Campus do Mar considérase fundamental establecer pontes entre a investigación mariña e a sociedade, promovendo desde as aulas unha nova relación co océano, baseada na comprensión, a implicación activa e a sustentabilidade.
Segundo afirmou o investigador do CIM e coordinador da rede, Andreu Blanco, esta iniciativa permitirá crear sinerxías entre centros, deseñar proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico, ferramentas didácticas, formación docente e acceso a financiamento europeo. Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, destacou que “o futuro do planeta tamén se constrúe na escola, e o CIM quere ser parte activa dese proceso”.
Con esta acción, o Campus do Mar e o CIM contribúen aos obxectivos da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021–2030) proclamada pola ONU, reforzando o papel das institucións científicas como axentes transformadores dunha sociedade máis azul, crítica e comprometida.




