CIM e Campus do Mar levan a ciencia mariña a máis de 600 escolares do interior da provincia de Pontevedra

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo e o Campus do Mar pecharon con éxito unha nova edición do seu programa de alfabetización oceánica, que achegou a ciencia mariña a 616 escolares de 13 centros educativos do interior da provincia de Pontevedra.

Esta edición puxo o foco en levar o coñecemento do océano a concellos onde o mar non forma parte da contorna cotiá do alumnado. O obxectivo foi reducir a fenda territorial no acceso á cultura científica e garantir que as nenas e nenos do interior comprendan que o océano é esencial para regular o clima, producir gran parte do osíxeno que respiramos e soster a alimentación e a economía a escala global.

Experimentos e dinámicas interactivas

A través de obradoiros prácticos, experimentos adaptados á educación primaria e dinámicas participativas, trasladáronse conceptos sobre biodiversidade mariña, impacto do cambio climático, contaminación e sostibilidade dos recursos mariños. Deste xeito, os cativos e cativas tiveron a oportunidade de coñecer os sete principios da alfabetización oceánica, comprendendo o papel esencial do océano na vida e no clima, a súa influencia nos ecosistemas e nos seres humanos, a necesidade da súa exploración e conservación, así como a responsabilidade da sociedade no seu coidado. As sesións combinaron cinco actividades manipulativas para fomentar a aprendizaxe experiencial, ademais de experimentos científicos para ilustrar conceptos clave como a biodiversidade mariña, as correntes oceánicas, a salinidade ou o impacto do cambio climático nos ecosistemas mariños. 

Máis aló da divulgación, o programa reforza o compromiso do CIM, que é membro da Rede CIGUS, e do Campus do Mar coa conexión entre investigación e sociedade, consolidando unha liña estratéxica centrada na igualdade de acceso ao coñecemento científico e na construción dunha cidadanía máis informada e comprometida co coidado do océano.

Actividade enmarcada na Década dos Océanos

Esta iniciativa, realizada co apoio da Xunta de Galicia, enmárcase na Década dos Océanos para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030), promovida pola ONU para frear o deterioro dos ecosistemas mariños e fomentar novas oportunidades de desenvolvemento sostible. Así mesmo, está aliñada co programa Ocean Literacy for All da UNESCO, que busca aumentar a conciencia global sobre a conservación, restauración e uso sostible dos océanos, así como coa plataforma EU4Ocean da Comisión Europea, enfocada na promoción da Alfabetización Oceánica.



Proxecto financiado polo Ministerio de Educación no marco do programa Campus de Excelencia Internacional e polo Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

X