26 Set O proxecto BlueFishing Training remata pondo en valor a formación achegada ao sector pesqueiro
Ao seu abeiro realizáronse 13 cursos nos que participaron 238 persoas
Coincidindo co oitavo aniversario dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), este luns celebrouse o evento de peche do proxecto BlueFishing Training, liderado pola Autoridade Portuaria de Vigo coa implicación do Campus do Mar, da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), da Plataforma Oceánica de Canarias (Plocan) e do Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa (ICSEM). A iniciativa centrouse no deseño e implementación dun plan de cooperación sectorial sobre capacidades para a mellora da competitividade do sector pesqueiro extractivo do Atlántico e contou con financiamento dos fondos NextGenerationEu. Ao seu abeiro, destacouse no seu balance, realizáronse 13 cursos nos que participaron 238 persoas.
Os socios do proxecto reuníronse para poñer en común os resultados do mesmo, que se centran na promoción da mellora da competitividade do sector aproveitando a información directa do mesmo para que os centros de formación axusten estratexias de formación a curto prazo e se actualicen os programas de formación regrada, para fomentar un porto verde, innovador e inclusivo. No evento de peche afondouse en casos prácticos de aplicación dos ODS na profesionalización da economía azul, quedando demostrada, en palabras da subdirectora xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais, da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Nieves Salgado, “a importancia de crear sinerxías entre a parte pública e a privada para a xeración de traballadores para o sector pesqueiro, desenvolvendo proxectos que teñan en conta as necesidades dos seus protagonistas”.
Implicar ao sector
Daniel Rey, director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), xunto con Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, e Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, destacaron neste peche a importancia da formación de calidade e de futuro achegada polo proxecto ao sector pesqueiro a través dun total de 13 cursos, nos que participaron 238 persoas, das que 150 eran profesionais vinculados ao mar. Daniel Rey incidiu na necesidade de “implicar ao sector para que os recursos sexan o máis efectivos posibles e para dinamizar a acción formativa solucionando as necesidades existentes e logrando unha implementación na vida dos traballadores que axude á súa profesionalización”. Pola súa banda, Carlos Botana subliñou que BlueFishing Training “ten unha grande importancia para demostrar que a colaboración entre Universidade, APV e ARVI pode ofrecer unha formación de calidade para que a xuventude queira formar parte do mundo marítimo”. Universidade, centros de formación profesional e o propio sector, dixo, “deben ir da man para deseñar a formación do futuro”, engadindo que “a colaboración co sector profesional é o único camiño para avanzar na economía azul real”. Por último, Javier Touza recalcou que “esta colaboración entre sector público e privado é o que nos permitirá ser referentes no ámbito internacional e na economía azul. É un sector con futuro pero hai que facelo entre todos”.
Fonte: DUVI