Con gallo do Día Mundial dos Océanos, o Campus de Excelencia Internacional · Campus do Mar organiza o martes, 8 de xuño ás 12.00 h un evento virtual de presentación da iniciativa “Scientists meet Artists” promovida polo Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. No evento estarán presentes os protagonistas deste proxecto: 12 profesionais vinculados ó campo da ilustración que desenvolven o seu traballo en España e Portugal e 12 investigadores e investigadoras do Campus do Mar pertencentes ás universidades de Santiago de Compostela, Minho (Portugal) e Vigo e o Instituto Español de Oceanografía. As 12 parellas de ilustradores/as e investigadores/as estiveron colaborando nos últimos meses para dar vida a 12 láminas ilustrativas creadas e deseñadas para difundir coñecemento científico sobre o medio marino co fin de promover a cultura oceánica da sociedade, especialmente dos máis pequenos.
Para a sesión de apertura contarase coa presenza da ilustradora invitada Maria José Gajate coñecida artísticamente como Mariajo Ilustrajo quen será a encargada de inaugurar o evento xunto a Daniel Rey, Director do Campus do Mar e Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
Unha vez finalizada a sesión inaugural, terá lugar a presentación da iniciativa a cargo dos xestores de proxecto do Campus do Mar, Noelia Estévez e Alberte Román.
Por último, un Foro de Debate aberto servirá de punto de encuontro entre os protagonistas deste proxecto e o público asistente. O Foro estará moderado por Maria José Garate e Alicia López Bruzos, estudante predoctoral no centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS).
Agardámoste o vindeiro día 8 de xuño para conmemorar o Día Mundial dos Océanos.
Este evento está auspiciado polas Nacións Unidas coma actividade incluida dentro do Programa do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible.