É común que os científicos vivan con entusiasmo cada descubrimento ou avance da súa investigación, pero ese esforzo e paixón poucas veces chegan á sociedade dun xeito comprensible. Como facer chegar ao público o coñecemento sobre os océanos é un dos grandes desafíos lanzados pola UNESCO a través da súa iniciativa “Decenio das Ciencias Océanicas” que aposta pola cultura oceánica. Scientists meet Artists xorde como un lugar para o encontro e o diálogo entre dúas disciplinas moi diversas: a Ciencia e a Arte. Durante un ano, persoal investigador, principalmente da rede de Campus do Mar, en concreto, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a Universidade do Minho, a Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Español de Oceanografía, estivo colaborando con ilustradores e ilustradoras que desenvolven o seu traballo en España e Portugal. Cada investigador aportou o seu coñecemento científico, mentres que o ilustrador reflectiu ese concepto e contido en cada lámina. Así, cada lámina é o resultado do traballo común entre dúas disciplinas distantes, ambas coa súa propia linguaxe, que foron quen de facer dos océanos un punto de conexión. Creáronse doce láminas de diferentes estilos e temas que deben ser descubertas en detalle e que se desenvolveron de tal xeito que os nenos sexan o principal público obxectivo desta primeira iniciativa de Scientists meet Artists. As láminas están dispoñibles para ser coloreadas por eles, os máis pequenos. Cada lámina leva asociada contidos educativos, accesibles a través de códigos QR, para que os adultos teñan recursos para responder ás sempre agudas preguntas dos nenos mentres colorean. Convidámoste a descubrilas e por suposto a disfrutalas.